
Patricia Iglesias esíxelle á conselleira de Industria que asuma as consecuencias da súa “inacción prolongada” nas minas abandonadas e esixe “transparencia e prevención”
A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, advertiu hoxe que a “inacción prolongada” da Consellería de Industria nas minas abandonadas está detrás do derrubamento de Monte Neme (Carballo / Malpica). Iglesias acusou á conselleira de non ter feito “nada” dende o colapso dunha balsa de lodos hai 12 anos ata o derrubamento do pasado 31 de xaneiro, que rematou sen consecuencias graves “por pura chiripa”.
Iglesias esixiu “responsabilidade, transparencia e prevención” por parte da Xunta, que terá que facer fronte a unha denuncia no xulgado de Carballo por presunto delito medioambiental. Explicou que a responsabilidade da restauración e da seguridade é a autoridade mineira galega porque a empresa titular -vencellada co PP valenciano de Cotino, imputado pola Gürtel- entrou en concurso de acredores.
Iglesias criticou a “inacción prolongada” na xestión das minas por parte do goberno galego, ao que lle esixiu “transparencia, acción inmediata e medidas preventivas reais” para que este accidente “non volva suceder nunca máis”. A parlamentaria socialista esixiulle á conselleira que faga públicas as análises que Augas de Galicia debera ter realizado nos últimos 5 anos na mina de Monte Neme.
Advertiu que o accidente transcende un mero problema ambiental, senón que apunta directamente á responsabilidade da conselleira porque “algo fallou gravemente na actuación da Autoridade mineira galega”.