

Patricia Iglesias reclamoulle á Xunta que execute as reformas máis urxentes antes do vindeiro curso “para garantir centros educativos seguros, saudables e dignos”
A deputada do PSdeG criticou que o PP se negou a aceptar unha emenda aos Orzamentos autonómicos para incluír neles a reparación das instalacións
“En Zas, o material escolar xa non é só caderno e lapis. Hai que levar deshumidificadores, que son uns máis nas aulas. Hai que levar chuvasqueiro, porque chove máis dentro que fóra. Hai que levar casco, por se cae algo do teito. E hai que levar a mochila cargada de paciencia”. Foi o resumo que a deputada socialista Patricia Iglesias fixo hoxe no pleno sobre o que acontece nos dous colexios públicos de Zas, por mor da “falta continuada de investimento por parte da Consellería de Educación”.
Durante súa intervención, á que asistiu a portavoz socialista no Concello de Zas, Sheila Rial, Iglesias denunciou que eses problemas son “o día a día de nenas, nenos e docentes que tratan de estudar e ensinar entre humidades, goteiras, frío, fiestras que non illan, caleiros rotos e patios cubertos que só o son de nome”. A esas graves eivas engadiu, no caso do Colexio Público Integrado de Zas, deficiencias como “un sistema de calefacción antigo e ineficiente e servizos en mal estado”. No do CEIP Labarta Pose, de Baio, un centro con máis de medio século de antigüidade, sumou “tubos cun avanzado estado de oxidación e o mal estado xeral do teito e outras estruturas”.
Todo iso está a xerar “problemas de saúde tanto no alumnado coma no profesorado”. Por outra parte, as ANPA “estanse vendo obrigadas a asumir gastos e responsabilidades que corresponden á Administración autonómica”, ante a ausencia de respostas e falta de consignación orzamentaria, “que contrastan coa necesidade urxente de garantir centros educativos seguros, saudables e dignos”.
A parlamentaria do PSdeG recordou que o Grupo Socialista presentou unha emenda aos Orzamentos da Xunta para o 2026 co fin de que se incluíran partidas para a reforma de ambos centros educativos. “E que pasou? Pois que o PP dixo non e o BNG nada presentou”, lamentou.
Por iso, Patricia Iglesias reclamoulle ao Goberno do PP o compromiso inmediato de que os técnicos da Consellería visiten ambos centros e se executen “as reformas máis urxentes antes do vindeiro curso escolar”. O contrario sería “dicirlles ás familias de Zas que se poden ir preparando outro inverno de cubos, humidades e frío”, advertiu.