

Patricia Iglesias propón reactivar este órgano creado en 2021 e parada na última convocatoria electoral “para consensuar unha posición de país”
Critica a “incoherencia e irresponsabilidade” do PP ao negarse a negociar a proposta do goberno poñendo o seguidismo de Feijóo por riba dos intereses dos galegos e galegas
O Pleno do Parlamento aprobou hoxe a proposta do Grupo Socialista para reiniciar os traballos da Comisión de Estudo sobre o Financiamento Autónomico, constituída en 2021 e que non rematou o seu traballo pola convocatoria de eleccións autonómicas. A portavoz de Economía, Patricia Iglesias, chamou a reactivar este órgano para acordar unha posición “de país”.
A responsable socialista presentou unha moción no Pleno do Parlamento que foi aprobada parcialmente porque o PP pediu o voto separado para rexeitar os apartados nos que lle reclamaba ao goberno galego que negociara co Estado para mellorar a proposta inicial de financiamento autonñomico e aceptara a quita da débeda.
Iglesias afeoulle ao PP que busque unha “confrontación estéril” por facerlle seguidismo á posición partidista marcada por Feijóo coa que o único que conseguen é prexudicar aos galegos e galegas. Alertou de que Galicia non pode presentarse no debate sen unha posición propia e propuxo por iso acordar primeiro unha proposta conxunta no seo da Comisión de Estudo.
Explicou que aquel órgano segue sen aprobar un ditame final, no que constitúe unha “anomalía política grave” e a mostra da “política de brazos caídos” do PP e do goberno galego, que optan pola “incoherencia, a irresponsabilidade e o cinismo político”. Criticou así que o goberno galego se limite a rexeitar a proposta que o Estado puxo enriba da mesa e que melloraba as mellores previsións que eles mesmos apuntaban hai apenas catro meses.
Explicou que o presidente da Xunta e o conselleiro de Facenda reclamaban en novembro 500 millóns para Galicia e agora se amosan indignados cando o goberno central presenta unha proposta inicial de 587 millóns de euros. Reclamoulle ao PP que abandonen o rexeitamento por sistema e accedan a negociar unha mellora buscando o reforzo do peso do envellecemento e a dispersión territorial e mellorando a participación no Fondo de Compensación Interterritorial.
Afeoulles que, fronte ao seu enroque político, o goberno ten presentado unha proposta real de reforma do sistema de financiamento por primeira vez en 13 anos, que obedece ao criterios de equidade e solidariedade. Explicou que aporta 21.000 millóns de euros máis para o conxunto das comunidades autónomas, de xeito que ninguén perda recursos, reducindo á metade as diferenzas de financiamento por comunidades e suprimindo so privilexios.
Gran incoherencia do PP
Criticou que o empecinamento do PP por obedecer consignas partidistas só leva a que Galicia deixe de contar con fondos adicionais, demostrando a “gran incoherencia” do PP, que rexeita ingresos ao tempo que protesta pola falla de recursos.
Neste sentido, acusounos de rexeitar a quita de 4.000 millóns de euros da débeda que ofreceu o Estado e deixan de ingresar outros 800 millóns de euros por impoñer rebaixas selectivas de imposto ás rendas máis altas, prexudicando á maioría social, que deixa de contar con fondos para sanidade, educación ou políticas sociais. Lembrou que a propia Airef “tiroulle das orellas” ao goberno galego por incumprir a senda de estabilidade ao perdoarlle impostos aos que máis teñen.
Tamén lle afeou ao BNG que se teñan autoexcluído do debate “saíndo do debate real defendendo un concerto económico insolidario, alleo ao sistema común e nefasto para Galicia”, que é beneficiaria neta da redistribución.
Reclamou un “máis e mellor” financiamento para Galicia a partir dun acordo de país para acadar un autogoberno fiscal responsable e xustiza redistributiva para fortalecer o Estado do Benestar. Reivindicou “voz propia, política útil e unha proposta seria e rigorosa” dende o Parlamento de Galicia “que non estea lastrada polo seguidismo de Feijóo”.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a retomar a Comisión non permanente especial de estudo para abordar a proposta da Comunidade Autónoma de Galicia diante da reforma do sistema de financiamento, constituída o 30 de novembro do 2021, aos efectos de elaborar unhas conclusións sobre o financiamento autonómico para Galicia”.