
O deputado Aitor Bouza advirte de que parte das 60.000 familias ás que a Xunta prometeu a axuda quedarán fóra por non aclarar que o pago en efectivo non servía
Asegura que nin no anuncio público nin na entrada en vigor da dedución se informou de que o pago en efectivo quedaba excluído, unha limitación que só se incorporou meses despois, ao desenvolver a medida nos orzamentos de 2026
O PSdeG acusa ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de xerar falsas expectativas entre as familias galegas ao anunciar unha dedución polo material escolar sen aclarar unha condición clave que agora deixa fóra a parte dos fogares: que os gastos pagados en efectivo non son válidos para desgravar, mesmo cando se dispón de factura.
O deputado socialista Aitor Bouza, responsable da área de Educación do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, lembrou que foi o propio Goberno galego quen anunciou que arredor de 60.000 alumnos e alumnas poderían beneficiarse desta medida. “A día de hoxe non sabemos cantas desas familias van quedar finalmente sen a axuda por non terse explicado desde o inicio unha condición esencial”, advertiu.
Bouza subliñou que nin no anuncio público nin na entrada en vigor da dedución se informou de que o pago en efectivo quedaba excluído, unha limitación que só se incorporou meses despois, ao desenvolver a medida nos orzamentos de 2026. “Non se pode anunciar unha axuda e concretar as condicións cando xa pasou o curso e as compras están feitas”, sinalou.
O deputado socialista destacou que moitas familias actuaron de boa fe, pediron factura -tal e como se lles indicou- e pagaron en efectivo porque é unha práctica habitual, especialmente no rural ou en fogares con menos recursos. “Agora a Xunta dilles que quedan fóra, non por incumprir, senón por non teren sido informadas”, engadiu.
Desde o PSdeG consideran que o Goberno galego non pode escudarse agora en argumentos legais cando fallou na súa obriga de informar con claridade. “Se esta condición se explicase no verán, moitas familias terían tomado outras decisións. Non facelo tivo consecuencias, e esas consecuencias están a pagalas as familias”, afirmou Bouza.
O Grupo Socialista anuncia que levará ao Parlamento a voz destas familias para esixir explicacións ao Executivo galego e reclamar que a Xunta adopte as medidas legais ou normativas que permitan corrixir os efectos prexudiciais derivados da falta de información, garantindo que ningunha familia quede excluída por unha deficiente comunicación institucional.