

Patricia Iglesias critica que o Plan Xeral de Mellora da Calidade dos Servizos Públicos resulta “politicamente conformista e socialmente insuficiente” e prolonga o deterioro dos servizos públicos
A portavoz de Calidade Democrática do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, acusou hoxe ao PP de aprobar un Plan de xestión dos servizos públicos na Xunta que deshumaniza a atención á cidadanía. Así o dixo na comparecencia do director xeral de Simplificación Administrativa no Parlamento para presentar o Plan de Xestión e Mellora da Calidade dos Servizos Públicos.
A responsable socialista advertiu que o dito Plan de Xestión resulta un “copia e pega” do anterior, presentado en 2021, e resulta “politicamente conformista e socialmente insuficiente”. Resumiu que “non cambia a relación da cidadanía coa administración ao tempo que continúa sen humanizar os servizos públicos e evita asumir responsabilidades polas eivas provocadas por 17 anos de deterioro deliberado dos servizos públicos pola xestión do PP dende o goberno galego.
Iglesias resumiu que “sen servizos públicos fortes non hai calidade, sen recursos non hai boa administración, e sen vontade política non hai plans útiles” para a cidadanía por parte dun goberno que “evita falar dos servizos públicos onde a falta de calidade é máis evidente”. Criticou que non queiran falar das listas de espera na sanidade, o colapso da atención primaria, o sistema de Dependencia desbordado ou o persoal dos servizos sociais “infradotado e maltratado”.
Modelo alternativo
A parlamentaria socialista defendeu un modelo alternativo da xestión dos servizos públicos con cambios reais comezando por priorizar os servizos esenciais, como a sanidade, educación e Dependencia, e que amose respecto polo persoal empregado público co reforzo das plantillas e a mellora das condicións laborais.
Reclamou en primeiro lugar compromisos claros de redución das listas de espera na sanidade e o reforzo da Atención Primaria como porta de entrada ao sistema. Reivindicou tamén o reforzo da Dependencia para garantir unha atención “digna e eficaz”, con prazos máximos garantidos por lei e o reforzo dos equipos de valoración, ademais de frear a privatización encuberta dos servizos públicos, con mecanismos de control e supervisión estritos nas residencias privadas e concertadas.
Patricia Iglesias reclamou un enfoque diametralmente oposto ao Plan do goberno galego “interno, burocrático e conservador”, que renuncia a crear novos dereitos, continúa sen fixar estándares mínimos e tampouco prevé sancións polo incumprimento e que, polo tanto, non é máis que un “trámite formal para cubrir expediente” que ofrece “moitas palabras e poucas obrigas”.