

Paloma Castro acusa ao goberno galego de “deixar morrer” a un sector “abandonado, invisibilizado e castigado” polo seu desleixo
A portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Paloma Castro, esixiulle hoxe á Xunta un Plan integral de recuperación da produción marisqueira na ría de Camariñas. Catro presentou unha pregunta oral na Comisión de Pesca para reclamar atención a un sector que está a ser “abandonado, invisibilizado e castigado” polo desleixo do goberno galego, que “mira para outro lado” mentres o “deixa morrer”.
A responsable socialista esixiulle á Consellería de Pesca “autocrítica, asunción de responsabilidades e solucións concretas con prazos” para poñer en marcha políticas de adaptación, plans de rexeneración e axudas inmediatas que salven ás 120 familias de Camariñas que dependen dos ingresos para sobrevivir e que levan meses sen ver un euro. Acusou ao goberno galego de “negar a realidade” para non afrontar unha verdadeira “emerxencia social” nesta ría.
Criticou que o único que teñen presentado son “medidas puntuais, electoralistas e insuficientes” que anunciaron “cando interesaba politicamente, pero sen continuidade nin ambición” porque carecen de compromisos de investimento con calendario, orzamento nin axudas. Reclamou que recoñezan a situación crítica do marisqueo en Camariñas e garantan semente suficiente para a rexeneración dos bancos e axudas directas e urxentes para estas traballadoras.
Urxiu a tomar medidas urxentes diante dos datos “incontestables e demoledores” revelan unha caída do 85 por cento na produción de bivalvos na ría dende 2010, cunha caída de capturas e facturación dun 70 por cento só no último ano.
E non é unha cuestión illada, engadiu, xa que zonas como a Costa da morte, Barbanza e Muros – Noia a caída chega ao 76 por cento nas capturas e o 73 por cento na facturación, e a produción de berberecho no estuario do Anllóns pasou de 38.000 a 9.600 quilos nun só ano.