
A viceportavoz segunda do Grupo Parlamentario Socialista advirte de que o deterioro deliberado da sanidade pública responde a unha estratexia para xustificar a privatización
A viceportavoz segunda do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia e secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, denunciou hoxe a “deriva ayusista” do Goberno de Alfonso Rueda na sanidade pública e advertiu de que o modelo que está a impulsar o Partido Popular conduce a un sistema no que “quen pode paga a privada e quen non, espera”.
Tras a mobilización masiva celebrada onte en Santiago en defensa da sanidade pública, Méndez asegurou que Galicia está a vivir “un deterioro deliberado do sistema sanitario” que responde a unha estratexia política clara. “Ténsanse os servizos, esgotan á xente e logo preténdese vender a privatización como a única saída”, afirmou.
A dirixente socialista subliñou que este modelo, inspirado no que aplica Isabel Díaz Ayuso en Madrid, “non garante igualdade nin dereitos”, e advertiu de que “a saúde non pode depender da capacidade económica de cada quen”. “A sanidade pública non é un negocio nin unha oportunidade para facer caixa; é un dereito básico que temos a obriga democrática de defender”, recalcou.
Méndez puxo cifras enriba da mesa para ilustrar a situación: máis de 360.000 persoas agardando por unha consulta, máis de 50.000 por unha intervención cirúrxica e máis de 12.000 nenos e nenas sen pediatra no seu centro de saúde de referencia. “Son datos escalofriantes, con nomes e apelidos, que explican por que a xente saíu á rúa”, sinalou.
Advertiu tamén que a mobilización cidadá “non foi un feito illado” e garantiu que o PSdeG “vai estar ao lado da cidadanía, nas institucións e tamén fóra delas, todas as veces que faga falta”. Méndez insistiu na rolda de prensa celebrada no Parlamento en que cando un goberno deixa caer un servizo público esencial, defendelo convértese nunha responsabilidade colectiva”.