
Silvia Longueira acusa á dirección do ente de evitar informar sobre a reforma fiscal e a suba do Salario Mínimo Interprofesional
A portavoz do Grupo Socialista na Comisión de Seguimento da CSAG -anterior CRTVG- acusou hoxe á dirección do ente de “faltar ao rigor profesional” ao evitar deliberadamente informar sobre a visita dos membros do goberno central para non falar da reforma fiscal nin da suba do Salario Mínimo Interprofesional. Longueira presentou unha pregunta pola eliminación da grella do Telexornal do 23 de outubro da visita da ministra de Traballo á Coruña.
Lembrou que aquel día si que enviaron un equipo a gravar a súa participación na Asemblea Nacional de Técnicos de Facenda, que se celebraba na cidade, pero que abandonaron para desprazarse a un campionato de tute que se celebraba na cidade. A visita da ministra non apareceu no Telexornal daquel día, pero si que informaron do campionato que, segundo Longueira, “queremos que dean toda a información posible sobre o evento, pero noutro espazo” da programación.
A responsable socialista alertou fronte á práctica habitual da dirección dos servizos informativos de obviar a información sobre as visitas dos membros do goberno central a Galicia, que contrasta poderosamente co seguimento e a cobertura día e noite dos ministros do goberno cando era presidido por Mariano Rajoy.
Criticou que a dirección optara por ser “máis papistas que o papa” evitando informacións que poidan molestar ao PP, pero que neste caso “a vostede vaina deixar politicamente absolutamente igual que está”. Emprazou á dirección a tratar de recuperar as audiencias, que “cada vez son menores”, recorrendo a “información que á xente lle pode interesar”.