
Carlos López Font esixe máis frecuencias nos concellos destas comarcas, ademais de rutas e horarios adecuados adaptados á Universidade e aos hospitais
O portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Carlos López Font, dixo hoxe que o desastre na xestión do transporte público por estrada nas comarcas de Val Miñor e Baixo Miño representa o “fracaso” do modelo do Plan de transporte imposto polo PP dende a Xunta de Galicia. O responsable socialista presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Infraestruturas para mellorar o servizo, pero que foi rexeitada polo PP.
López Font sinalou que a imaxe triunfalista que ofrece o goberno galego “contrasta coas queixas que percorren todo o territorio de Galicia” e que “poñen de manifesto deficiencias ao longo e ancho de Galicia”. Sinalou en concreto o contorno de Vigo, que suma 50.000 habitantes, con estudantes que non poden asistir a tódalas clases na Universidade, traballadores que deben buscar alternativas para chegar en hora ou pacientes que perden as consultas médicas.
O responsable socialista aludiu á enquisa que realizaron as agrupacións socialistas da zona e o informe elaborado pola Valedora do Pobo. A Alta Comisionada alertaba do incumprimento de horarios, viaxeiros tirados nas paradas, sen prazas libres, falta de atención a persoas con discapacidade ou sen conexión co transporte escolar, mentres a Xunta renuncia a inspeccionar fronte ao incumprimento palmario das concesionarias.
O parlamentario socialista esixiu medidas urxentes de mellora no transporte público de Val Miñor e Baixo Miño, con máis frecuencias nas liñas de bus, ademais de rutas e horarios adecuados para conectar coa Universidade, os hospitais Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro e conexión cos centros oficiais. López Font presentou na Comisión as demandas dos alcaldes das comarcas, que levan anos reclamando diálogo, melloras e solucións por parte da Xunta sen que sexan escoitados.
Advertiu que a situación agravouse aínda máis coa decisión da Xunta de rescindir do contrato de cinco concesións das comarca, recoñecendo o deficiente funcionamento do servizo, alegando a necesidade dunha reestruturación integral para atender ás necesidades da cidadanía. Criticou que esta resposta non da chegado para os veciños e veciñas, mentres o PP oponse no Parlamento a poñer enriba da mesa solucións dialogadas cos alcaldes e alcaldesas.