

Silvia Longueira critica que logo de 13 anos de engano, o xerente do Consorcio Galego de Benestar recoñeza no Parlamento que destinarán o inmoble a un centro de turismo
A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Silvia Longueira, acusou hoxe ao PP e ao goberno galego de levar 13 anos enganando aos veciños e veciñas de Oza – Cesuras porque non van construír un centro de día para maiores no antigo sanatorio do Paraxón. Así o dixo logo de que o xerente do Consorcio Galego do Benestar respondera á pregunta que levou á Comisión de Sanidade do Parlamento confirmando que van facer un centro turístico.
A responsable socialista lembrou que o compromiso de facer un centro de día ou unha residencia no inmoble histórico de Cesuras fora incluído como consecuencia da firma da fusión co concello de Oza en 2013, e non foi ata hoxe que os veciños e veciñas coñeceron a verdade. Longueira acusou ao PP e ao goberno galego criticou a falla de compromiso cos veciños e veciñas cunha decisión política coa que “desvirtúan por completo o que era a promesa coa cidadanía.
Desta forma, o goberno galego segue sen cumprir 13 anos despois os dous grandes compromisos para os que eran os dous núcleos da fusión porque Cesuras non terá o centro de día e Oza segue sen contar cun paso baixo a ponte da vía férrea que divide os dous antigos concellos. A parlamentaria socialista lembrou no Parlamento a resistencia dos socialistas a aquela fusión dende o principio, que foi imposta dende o goberno e sen información suficiente.
Lembrou que en concreto os veciños e veciñas de Cesuras estaban maioritariamente en contra desta decisión porque suporía a perda de servizos, como se está a demostrar máis de dez anos despois. Neste tempo, sinala, quedaron sen pediatría, perderon a matrona, os servizos de transporte, non hai novos servizos culturais e, para rematar, o alcalde do concello fusionado cobra máis do que aforran en concelleiros.