
O líder do PSdeG lembra que o proxecto naceu baixo a presidencia de Alberto Núñez Feijóo, con Francisco Conde como vicepresidente e man dereita, e advirte de que non é crible que un memorando destas dimensións se asinase sen control político ao máis alto nivel polo que pide a comparecencia de ambos nunha Comisión
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou hoxe a posta en marcha dunha comisión de investigación no Parlamento de Galicia para esclarecer as circunstancias nas que se asinou o memorando entre a Xunta e a multinacional Altri e esixiu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que dea explicacións públicas sobre un acordo que o propio Goberno galego admite agora que se asinou á marxe do control administrativo.
Para Besteiro, a gravidade das informacións coñecidas obriga ao máximo responsable do Executivo galego a dar a cara e explicar que sabía, cando o soubo e que consecuencias pode ter este pacto para Galicia.
O líder socialista advertiu de que se trata dun feito “extremadamente grave” desde o punto de vista político e institucional, xa que implica que un conselleiro puido asinar un acordo de enorme transcendencia económica, territorial e ambiental sen control político nin transparencia pública. “Non é crible que a Xunta non saiba que compromisos se asumiron en nome de Galicia. Se non o sabe, o problema é gravísimo. E se o sabe e non o explica, tamén”, sinalou.
Besteiro lembrou que o PSdeG foi o primeiro grupo en advertir no Parlamento de Galicia de que este proxecto nacía rodeado de opacidade e subliñou que os socialistas levan denunciando desde finais de 2023 o obscurantismo que rodea a Impulsa Galicia, unha sociedade instrumental utilizada pola Xunta para impulsar proxectos estratéxicos á marxe do control e da transparencia parlamentaria. “O tempo está a darnos a razón. O que está a pasar é grave e non se pode normalizar”, afirmou.
Segundo a información coñecida, o memorando foi asinado en 2021 por Francisco Conde, daquela vicepresidente da Xunta e conselleiro de Economía, no marco de Impulsa Galicia, sen que a propia Xunta aclare cal era o seu contido nin que compromisos se asumiron en nome de Galicia. Para Besteiro, esta explicación é politicamente insostible e incompatible co funcionamento normal dun goberno democrático.
Neste contexto, Besteiro subliñou que o proxecto de Altri se presentou en Galicia baixo a presidencia de Alberto Núñez Feijóo, cun Francisco Conde que exercía como vicepresidente e máximo responsable da política económica e industrial do Goberno galego. “Falamos dun memorando asinado nunha etapa na que Conde era a man dereita de Feijóo. Pretender agora que un acordo destas dimensións, con posibles consecuencias millonarias para o erario público, se asinou sen coñecemento político ao máis alto nivel non resulta verosímil”, advertiu.
Besteiro alertou ademais de que sería extremadamente grave que ese memorando secreto incorporase algún tipo de blindaxe legal para a empresa, que puidese abrir a porta a que Altri reclame millóns de euros en indemnizacións con cargo a fondos públicos. “Estariamos ante un nivel de irresponsabilidade política inadmisible, con consecuencias económicas moi serias para Galicia”, sinalou.
“Non estamos a falar dun trámite administrativo nin dun acordo técnico menor. Estamos a falar dun pacto que condiciona un proxecto estratéxico, con impacto territorial, ambiental e económico, e que pode implicar o uso de fondos públicos”, subliñou.
Besteiro cuestionou tamén que un conselleiro puidese actuar á marxe do presidente da Xunta e do Consello de Goberno. “Se isto ocorreu sen coñecemento do presidente, estamos ante un problema moi serio de funcionamento institucional. E se ocorreu con coñecemento, alguén está a ocultar información”, advertiu, ao tempo que apuntou que “hai dúas versións claramente contraditorias e só o Parlamento pode aclarar que pasou realmente”.
Por todo isto, Besteiro considera imprescindible que Núñez Feijóo e Francisco Conde, hoxe deputados no Congreso, comparezan nunha Comisión de Investigación no Parlamento de Galicia para explicar quen asinou, con que contido, con que mandato político e con que consecuencias para Galicia. “É unha cuestión de transparencia, de responsabilidade política e de respecto á cidadanía. Galicia merece saber que se fixo e en nome de quen”, sinalou.