

A deputada socialista reprocha a Sanidade que centre o debate na tecnoloxía mentres persisten as listas de espera, a falta de citas en atención primaria e a sobrecarga do sistema
A deputada do PSdeG Elena Espinosa reprochoulle hoxe ao conselleiro de Sanidade que utilice a dixitalización como “coartada” para evitar falar dos problemas reais da sanidade pública galega, como a dificultade para acceder á atención primaria, as listas de espera ou o colapso dos servizos hospitalarios.
Durante a comparecencia en Comisión da secretaria xeral técnica da Consellería, Natalia Lobato, sobre a dixitalización do Sergas, a parlamentaria socialista recoñeceu que as novas tecnoloxías poden ser unha ferramenta útil, pero advertiu de que “á xente non lle preocupa a dixitalización, preocúpalle que non a atendan”. Segundo sinalou, “hai persoas que levan meses esperando por unha proba, unha intervención ou mesmo por entrar nunha lista de espera”.
A deputada socialista criticou que a intervención da representante da Consellería se centrase exclusivamente na dixitalización sen abordar estes problemas estruturais e advertiu de que, se non se fala tamén de atención primaria, saúde mental, falta de persoal ou urxencias saturadas, “a Xunta está a esquivar o debate que realmente lle importa á cidadanía”.
Espinosa defendeu que a dixitalización non pode ser un fin en si mesma, senón unha ferramenta ao servizo dunha sanidade pública que funcione mellor. Nese sentido, alertou de que non pode supoñer deshumanización nin recortes da atención presencial, nin trasladar a carga do sistema aos profesionais, á poboación do rural de zonas con difícil cobertura ou a quen ten máis dificultades co uso das ferramentas dixitais.
“A tecnoloxía ten que servir para achegar a sanidade á xente, non para afastala”, sinalou, insistindo en que as solucións dixitais deben complementar a atención presencial, non substituíla cando é necesaria.
A deputada do PSdeG reclamou tamén que a dixitalización sirva para liberar tempo asistencial aos profesionais sanitarios e non para engadir máis burocracia, así como formación suficiente, investimento real en infraestruturas e garantías claras na protección dos datos persoais.
Por último, lamentou que non fixese ningunha referencia ás achegas do Goberno de España á dixitalización da sanidade galega e lembrou que Galicia contará con 9,3 millóns de euros adicionais a través do programa de Servizos Dixitais Intelixentes, financiado con fondos FEDER. “Agora o importante é que a Xunta saiba aproveitar estes recursos e que a dixitalización sirva para reforzar o sistema público, non para tapar as súas carencias”, rematou.