
Silvia Longueira advirte que “hai 170 folios con incidencias” rexistradas no servizo por, entre outros problemas, falta de profesionais, e reclama que se cubran as prazas
A deputada socialista Silvia Longueira reclamou hoxe no pleno do Parlamento que o Sergas cubra de xeito inmediato as prazas de técnico suprerior en dietética do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.
Segundo advertiu, máis do 80 % das comidas que se serven no Chuac non están revisadas por dietistas, como é preceptivo. “Só hai tres dietistas, unha cifra absolutamente por debaixo da ratio”, asegurou a parlamentaria do PSdeG sobre un servizo que atende catro quendas de comidas para as 1.500 camas das que dispón o centro.
Longueira explicou que nas quendas de comida e cea existen dúas cintas para os menús, e en cada unha delas “debe estar un técnico superior en dietética que controle que as comidas se adapten aos pacientes, e mesmo controlen as alerxias e demais condicións alimentarias”. Porén, esa presenza “non se está a cumprir”. Por enriba, “tampouco se cubren as libranzas”. O resultado é que “hai 170 folios con incidencias rexistradas desde 2024”, afirmou.
A deputada sinalou que desde que se creou a categoría “non se respectan as directrices” e descárganse responsabilidades da xestión alimentaria en outros profesionais que non teñen formación específica. Prodúcense, ademais, outros incumprimentos, coma a falta dun espazo independente para os carros de comidas destinados a pacientes con alerxias.