
Paloma Castro acusou ao PP de desperdiciar “unha oportunidade para construír un modelo de desenvolvemento máis xusto, sostible e resiliente para o presente e para as futuras xeracións”
O Grupo Socialista presentou 60 emendas, nas que se apostaba polas enerxías verdes, a descarbonización da industria e a economía circular, pero os populares rexeitaron a maioría
A deputada socialista criticou que a norma naza sen financiamento e cargue aos concellos con obrigas “sen darlles recursos para cumprilas”
A portavoz socialista de Medio Ambiente no Parlamento galego, Paloma Castro, criticou hoxe durante o debate sobre o Proxecto de lei do clima de Galicia o contido dunha norma que describiu coma “unha sucesión de obviedades sen ningún obxectivo nin compromiso real”. Así, lamentou que a que debera ser “unha ferramenta histórica para transformar Galicia” se convertese, da man de Rueda, nunha norma “chea de boas palabras e baleira de medidas”.
Castro acusou ao PP de desperdiciar “unha oportunidade para construír un modelo de desenvolvemento máis xusto, sostible e resiliente para o presente e para as futuras xeracións”. “Podería ter situado a nosa comunidade á vangarda da loita contra o cambio climático e da transición ecolóxica xusta, pero decidiu outra cousa”, criticou.
Censurou tamén que practicamente ningunha das 60 emendas que presentou o Grupo Socialista fose aceptada. Tratábase, segundo precisou, de achegas que xiraban en torno a “tres ideas básicas: transición enerxética, financiamento suficiente e instrumentos económicos eficaces”. Nelas apostábase, entre outros obxectivos, polo desenvolvemento das enerxías verdes, a descarbonización da industria e o impulso á economía circular.
“Propuxemos converter a transición enerxética no eixo central da lei, pero o PP aprobou unha lei do clima que evita falar de enerxía”, explicou a deputada do PSdeG. “Advertimos dun risco moi serio, que é cargar aos concellos con obrigas sen darlles recursos para cumprilas”, engadiu, e sinalou que os socialistas propuxeron “o contrario, financiamento estable, partidas orzamentarias específicas, uso de fondos europeos e colaboración financeira vinculante cos concellos, con criterios xustos e transparentes”. “Pero o PP rexeitou todo iso e volveu facer o de sempre, delegar responsabilidades sen transferir recursos, asfixiando economicamente aos concellos, especialmente aos máis pequenos”, subliñou.
No referido ás “ferramentas económicas reais” das que o PSdeG pretendía dotar a norma, Paloma Castro detallou que se trataba de introducir unha “fiscalidade ambiental” baixo o principio de que “quen contamine pague máis” e quen contribúa á transición ecolóxica “sexa incentivado”. Nese senso, destacou unha das emendas, orientada a regular os créditos de carbono “e evitar o branqueo climático, impedindo que se usen como coartada para seguir contaminando ou para facer marketing verde enganoso”.
Abordar o cambio climático de xeito transversal
Castro defendeu que unha lei coma esta debera abordar o cambio climático “de xeito transversal”, xa que o seu obxecto non trata “só dunha cuestión ambiental”. “Afecta á mobilidade, á vivenda, á industria, ao sector forestal, á pesca, ao turismo”, enumerou para incidir en que a crise climática “é sistémica e require unha resposta sistémica”.
A parlamentaria socialista lamentou que Galicia, cunha lei “que ten máis de postureo que de eficacia”, perde, “novamente”, unha oportunidade “para poder estar á altura doutros territorios membros da UE” e remontar os malos resultados que presenta no cumprimento dos obxectivos medioambientais europeos.
Paloma Castro afirmou que a conclusión é “unha lei que esixe, pero non acompaña; que impón, pero non transforma; que fala de neutralidade climática, pero non toca os intereses nin muda o modelo”. Para a deputada socialista, a loita contra o cambio climático “require valentía política, corresponsabilidade institucional e xustiza social”, mais o Partido Popular decidiu deixar a lei do clima “nunha declaración de intencións”.