

Abel Losada lembra que os informes Draghi e Letta sitúan a industria como eixo clave da recuperación económica na UE e advirte de que “Galicia vai xusto na dirección contraria”
O responsable de Economía da Executiva do PSdeG, Abel Losada, valorou hoxe os datos do último trimestre de 2025 da Enquisa de Poboación Activa (EPA), que amosan unha evolución xeral positiva tanto no conxunto do Estado como en Galicia, pero que deixan tamén “un dato extremadamente preocupante” para a economía galega: a perda de emprego industrial.
Losada destacou que os datos xerais son claramente positivos, cun incremento de arredor de 600.000 persoas ocupadas ao longo do último ano e cunha diminución do paro que sitúa a taxa, por primeira vez en case vinte anos, por debaixo do 10%. “A evolución global en Galicia é similar á do conxunto de España, pero iso non pode ocultar problemas estruturais de fondo”, advertiu.
Nese sentido, puxo o foco na evolución do emprego industrial. Mentres no conxunto do Estado a ocupación no sector industrial aumentou en máis de 112.000 persoas ao longo do último ano, o que supón un incremento do 3,8%, en Galicia rexistrouse unha diminución de 1.200 persoas ocupadas, un 0,6% menos. “Son cifras que non se poden relativizar nin despachar como un efecto conxuntural”, subliñou.
Abel Losada lembrou que tanto os informes Draghi como Letta, no ámbito da Unión Europea, sinalan a reindustrialización como un elemento estratéxico e central para a recuperación económica nun contexto global marcado pola inestabilidade e a incerteza, pero “Galicia vai xusto na dirección contraria”.
Para o PSdeG, estes datos evidencian a falta dun proxecto económico relevante por parte da Xunta e unha utilización ineficiente do conxunto dos fondos europeos. “Non se trata de abrir delegacións económicas en Madrid, senón de ter unha visión estratéxica de país, con obxectivos claros e definidos, que permitan impulsar un verdadeiro proceso de reindustrialización en Galicia”, afirmou Abel Losada.