
Lara Méndez reclama un Plan de choque fronte á falta “estrutural” de profesorado de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe en toda Galicia
A viceportavoz segunda do Grupo Socialista, Lara Méndez, acusou hoxe ao PP de facer unha xestión “sen alma” do ensino público ao tratar “como meros números” aos rapaces e rapazas con necesidades especiais. Méndez participou nunha concentración en Viveiro con motivo do Día Internacional da Educación para reclamar o reforzo do persoal de Pedagoxía Terapéutica -PT- e Audición e Linguaxe -AL- e para esixir unha educación inclusiva.
A responsable socialista reclamou un Plan de choque para paliar a falla estrutural de profesorado de apoio nos centros educativos de toda Galicia que, dixo, “obedece a unha estratexia deliberada de desmantelamento do ensino público por parte do PP”. Acusou ao goberno galego de xestionar o ensino público “en contra dos dereitos dos nenos e nenas máis vulnerables” que, sinalou, “necesitan, merecen e teñen o mesmo dereito a recibir un ensino público de calidade”.
Méndez acusou ao PP e ao goberno galego de “traspasar os límites da ideoloxía para atacar directamente os dereitos dos nenos e nenas, amosando unha perigosa falta de humanidade” cara o alumnado. Sinalou que a Xunta está a provocar que os máis vulnerables “carezan das garantías e recursos mínimos” para que poidan dispor das mesmas capacidades e ferramentas que o resto dos seus compañeiros e compañeiras”.
Denunciou a “hipocrisía política” do PP e do goberno galego, co seu conselleiro de Educación á cabeza, que ao mesmo tempo que presume dunha Estratexia de inclusión educativa lle retira aos rapaces e rapazas sen profesorado de PT e AL e rexeitan no Parlamento tódalas emendas aos orzamentos e as iniciativas parlamentarias para recuperar estes profesionais.
Subliñou que “de nada vale que o discurso oficial fale dun ensino á altura das necesidades individuais dos alumnos e alumnas con atención á diversidade e defendendo unha inclusión educativa real cando á hora de asinar os recursos deixan aos centros educativos sen os recursos humanos mínimos imprescindibles.
Advertiu que as eivas nas plantillas de profesorado de apoio percorren Galicia “de norte a sur e de leste a oeste”, non só na Mariña Luguesa, como é o caso do CEIP Covas de Viveiro, senón en practicamente tódalas vilas e cidades.
Citou como exemplos o CEIP Avelino Cachafeiro de Soutelo de Montes en Forcarei e o CEIP de Cerdedo, aos que lles retiraron o profesor de Pedagoxía Terapéutica compartido, ou a falla de profesionais asignados nos CEIP Monte dos Postes e López Ferreiro de Santiago, os centros educativos de Ponteareas, o CEIP Xosé Fernández López de Porriño, así como o IES de Valladares ou o CEIP A Vaz Tintureira de Vigo, entre moitos outros.
Lembrou que a Xunta ten a competencia en educación, e polo tanto está obrigada a garantir un ensino público de calidade para todo o alumnado sen discriminacións de ningún tipo. Esixiulles que apoien “de maneira clara e decidida ás medidas de atención á diversidade” e garantan unha inclusión educativa real”, que permita desenvolver a personalidade, as aptitudes e as plenas capacidades de cada menor no máximo das súas capacidades.