

Elena Espinosa cualifica de “intolerable” o deterioro que están a provocar nos recursos sanitarios da comarca deixando á poboación desatendida
A portavoz de Sanidade do Grupo socialista, Elena Espinosa, acusou hoxe ao PP de “desmantelar” a sanidade pública na comarca do Condado – Paradanta por un “problema fundamentalmente ideolóxico” contra os servizos públicos. Espinosa denunciou a súa “falta evidente de compromiso” coa atención sanitaria logo de que rexeitaran a proposta que levou á Comisión de Sanidade para cubrir as prazas vacantes nestes centros de saúde.
A responsable socialista criticou a “negación continua e sistemática da realidade” da sanidade pública por parte do PP, que recorre ao “teatro” porque “realmente non queren dar resposta” do fracaso da súa xestión nunha responsabilidade exclusiva do goberno galego. Desafiounos a “ser valentes e, se non queren as competencias en materia de sanidade, devólvanllas ao Estado”.
Espinosa fixo un relatorio da situación dos diferentes centros de saúde comezando pola ausencia de cinco facultativos en Ponteareas, faltan tres dos cinco asignados a Salvaterra, e unha das tres prazas de médico de As Neves continúan descubertas. Na Cañiza falta un dos tres médicos que deberan de estar traballando hoxe, o mesmo que sucede en Mondariz, onde ademais teñen que compartir o pediatra cos centros de Covelo e Mondariz – Balneario.
Trátase dun “déficit insoportable” de médicos que se suma á falla crónica de pediatras en varios centros de saúde da comarca, provocando unha situación límite para a cidadanía, condenada a soportar esperas de varias semanas e escoller entre recorrer á sanidade privada ou acudir a uns servizos de Urxencias saturados.
A responsable socialista puxo a situación do Condado – Paradanta como exemplo das consecuencias da “mala planificación, a precariedade laboral e a falta de vontade política” para reforzar a sanidade pública. Criticou que “pasan os meses e non se adoptan medidas para emendar as deficiencias da comarca, sen substitucións de baixas nin vacacións, vacantes sen cubrir, contratacións precarias, facultativos saturados e a falta xeneralizada de pediatras”.
Por iso presentou esta iniciativa que lle reclamaba á Xunta que cubra as vacantes de persoal sanitario na comarca, sinaladamente nos concellos de Ponteareas, Salvaterra, As Neves, A Cañiza, Arbo, Mondariz, Mondariz – Balneario e Covelo.