
Patricia Iglesias reclama seguridade xurídica plena no concurso de traslados do que xa “suprimiron” dous postos de psicólogos despois de que foran asignados
A portavoz de Calidade Democrática e Transparencia do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, acusou hoxe ao PP de amparar a xestión da función pública “nefasta” e a “falla de planificación consciente” dos recursos humanos da Xunta. Así o dixo logo de que o PP rexeitara a proposta que levou á Comisión Institucional para reclamar seguridade xurídica no concurso de traslados de Servizos Sociais e que non desapareza ningunha das prazas ofertadas.
Iglesias explicou que existe a “posibilidade real” de que as empregadas que participaron no concurso de traslados vexan como a súa praza ten desaparecido mentres agardan pola toma de posesión, como xa ten sucedido con dúas prazas de nivel 26 do corpo de psicólogos e psicólogas. A responsable socialista reclamou os “dereitos, estabilidade e xustiza” para “tódolos empregados e empregadas públicas, que son o principal activo do goberno galego.
Esixiulle ao goberno galego que garanta que “ninguén resulte prexudicado no concurso de traslados”, e que poñan enriba da mesa alternativas cando as ditas prazas “caen”, resolvendo unha situación que “dura demasiado” no caso das empregadas públicas da escala de Servizos Sociais, que levan 13 anos agardando por un concurso de traslados. Denunciou o “abandono institucional” do goberno galego, ao que lle esixiu que “resolvan o concurso de traslados xa”.
A parlamentaria socialista explicou que a orixe do problema está na decisión do goberno galego de externalizar a escala de Servizos Sociais, como ten alertado o mesmo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia porque, dixo Iglesias, “desconfían dos empregados e empregadas públicos da Xunta”. Rexeitou por iso a privatización dos servizos sociais públicos que están a ser externalizados, sinaladamente o Imelga, que “non debe de saír do corazón do público”.
A proposta presentada hoxe reclamáballe ao goberno galego que convoque a elección de destino do concurso de traslados de servizos Sociais, poñendo en marcha un Plan real de promoción profesional para este persoal, limitando o “abuso discrecional da provisión de postos de niveis altos das comisións de servizos”. Reclama tamén “procesos transparentes, obxectivos e concorrencias de acceso ás xefaturas e postos de responsabilidade”.