
Carlos López Font tilda de “irreponsable” que “enganen aos pescadores” para xerar alarma cando “votan unha cousa en Bruxelas e veñen a Galicia a dicir o contrario”
Apunta que o acordo asinado onte entre o Ministerio e o sector permite flexibilizar e facilitar a aplicación do Regulamento garantindo un cumprimento eficaz e compatible coa operatividade da flota
O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Carlos López Font, denunciou hoxe no Parlamento a “hipocrisía política” do PP, que critica en Galicia o Regulamento de Control da Pesca aprobado no Parlamento Europeo precisamente cos seus votos. No debate dunha iniciativa parlamentaria na Comisión de Pesca do Parlamento, acusounos de “enganar aos pescadores” cando “votan unha cousa en Bruxelas e veñen a Galicia a dicir a contraria”.
López Font criticou a “irresponsabilidade” do PP ao lembrar que o seu eurodeputado Millán Mon cualificaba o acordo de “equilibrado, realista e gradual” en 2023 para agora dende Galicia “xerar alarma e enfrontar ao sector co Goberno de España” porque “convén electoralmente”. Explicou que o acordo foi aprobado en Pleno do Parlamento Europeo co voto favorable do Partido Popular Europeo, e o goberno de España “ten a obriga legal de aplicalo”.
Subliñou que a posición de España é “garantir a sustentabilidade dos recursos mariños, reforzar a rastrexabilidade e asegurar o cumprimento da Política Pesqueira Común”, e engadiu que a aplicación do Regulamento “debe ser realista, proporcionada e adaptada á realidade operativa das nosas flotas, especialmente da pesca artesanal e de baixura”.
Apuntou que o Ministerio “escoita ao sector e comparte as preocupacións” en relación a algunhas das obrigas que fixa o documento e que, tal e como están expostas, “xeran unha carga administrativa excesiva, dificultades técnicas e problemas de aplicación práctica no día a día dos pescadores”.
Por este motivo, explica, asinaron onte mesmo un acordo cos representantes da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores e a Confederación Española de Pesca “recollendo as súas reivindicacións, acordando flexibilizar a aplicación do Regulamento e asegurando o seu cumprimento eficaz e compatible coa operatividade da flota”.
Defendeu a posición “firme e construtiva” do Ministerio para acadar este acordo co sector pesqueiro, que foi aplaudido hoxe mesmo polo patrón maior de Burela e presidente da Federación Nacional de Confrarías, celebrando que garante seguridade xurídica para saír ao mar”.