

Besteiro preguntaralle a Rueda se está a facer o suficiente para asegurar o mellor funcionamento posible dos servizos públicos
O Grupo Parlamentario Socialista centrará a súa acción no próximo Pleno do Parlamento de Galicia na defensa dos servizos públicos e na denuncia das decisións do Goberno galego que están a debilitar a sanidade, a educación, a dependencia e o acceso á vivenda. Así o acordaron hoxe na Xunta de Portavoces na que as representantes do Grupo Socialista non compareceron en rolda de prensa en respecto ao loito oficial decretado polo goberno de España polo accidente de Adamuz.
A través dunha pregunta ao presidente da Xunta, iniciativas lexislativas e propostas de control, os socialistas poñerán o foco na falta de vontade política do Executivo autonómico para garantir o correcto funcionamento dos piares do Estado do Benestar en Galicia.
O portavoz do Grupo Socialista preguntará directamente ao presidente se considera que está a facer o suficiente para asegurar o mellor funcionamento posible dos servizos públicos, nun contexto no que o Goberno galego renuncia a recursos clave para reforzalos. Entre esas decisións, o PSdeG sinala a negativa a aceptar a condonación de 4.010 millóns de euros de débeda, a renuncia a 380 millóns para vivenda pública ata 2030, a perda de fondos para novas prazas de escolas infantís e a negativa a negociar un incremento dos máis de 580 millóns de euros do actual modelo de financiamento autonómico.
Os socialistas lembran que o propio Goberno galego recoñecía hai apenas uns meses que Galicia precisaría polo menos 500 millóns de euros adicionais no novo sistema de financiamento. “Falamos de cartos públicos, de recursos de todos e todas, imprescindibles para soster a sanidade, a dependencia, a educación e as políticas sociais”, advirten.
Nesta mesma liña, o PSdeG presentará unha interpelación pola decisión do presidente da Xunta de non negociar un novo modelo de financiamento autonómico. Para o Grupo Socialista, esta renuncia evidencia unha falta de proxecto propio e de autonomía política que prexudica directamente os intereses de Galicia, ao priorizar estratexias partidistas fronte ás necesidades reais da cidadanía galega.
No ámbito da vivenda, o Pleno debaterá unha proposición non de lei para impulsar a creación dun Banco Público de Alugueiro antes do verán, con garantías públicas para propietarios e prezos accesibles que non superen o 30 % da renda media dispoñible das familias. A iniciativa chega nun contexto no que o prezo do alugueiro leva once anos consecutivos de subas e no que máis de 22.700 familias figuran inscritas no rexistro de demandantes de vivenda protexida en Galicia.
O Grupo Socialista tamén levará ao Pleno unha proposición non de lei para reclamar un incremento do financiamento local a través do Fondo de Cooperación Local, acordado coa Fegamp e baseado en criterios obxectivos. O PSdeG denuncia que a Xunta mantén conxelado desde hai 17 anos o fondo base, mentres incrementa partidas repartidas de maneira discrecional, ao tempo que sobrecarga os concellos con competencias impropias sen financiamento suficiente.
En materia sanitaria, os socialistas preguntarán ao conselleiro de Sanidade polas medidas previstas para afrontar o colapso das urxencias hospitalarias neste inverno, agravado pola falta de persoal e de camas dispoñibles. O PSdeG reclamará a elaboración urxente dun plan integral para os servizos de urxencias, cun reforzo estrutural dos recursos humanos.
Ademais, o Grupo Socialista abordará no Pleno a situación do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, tras coñecerse deficiencias na elaboración das dietas hospitalarias pola falta de técnicos superiores en dietética, unha situación que afecta directamente á atención de máis de 1.500 pacientes ingresados. Finalmente, presentarán unha pregunta pola falla de médicos no Centro de Saúde de Trabada.