

Silvia Longueira critica que o problema persista incluso cando descendeu o número de usuarios solicitan a prestación porque se poden acoller ao ingreso mínimo vital
Lamenta que o Goberno de Rueda está a crear inseguridade entre familias solicitantes e un empeoramento de situacións de vulnerabilidade
A deputada do PSdeG esíxelle ao Executivo do PP que axilice os trámites lle entregue ao Parlamento un informe sobre a evolución da renda de inclusión social
A portavoz socialista de Política Social no Parlamento galego, Silvia Longueira, denunciou hoxe os graves atrasos que acumula o Goberno de Rueda na tramitación da renda de inclusión social de Galicia (Risga). Nunha iniciativa parlamentaria que vén de presentar, a deputada do PSdeG advirte que hai familias que levan agardando “ata cinco e seis meses” pola resolución da súa solicitude, unha demora que supón “un deterioro exponencial” na situación “límite” que enfrontan estas persoas e que, por enriba, lles crea “inseguridade e sensación de falta de apoio”.
Longueira reclámalle á Xunta que axilice os trámites e evite contribuír á vulnerabilidade dos e das solicitantes. Ao mesmo tempo, esíxelle que presente na Cámara un informe sobre a evolución da Risga durante o último ano, co fin de comprobar que obxectivos se acadaron “nos diferentes programas de inserción nos que se apoia o desenvolvemento da prestación”. Nese senso, subliña que se trata dun programa que, ademais, “da acceso a medidas de acompañamento e formación”.
Silvia Longueira recorda que se trata dunha axuda á que teñen dereito persoas ou unidades de convivencia en situación de risco ou de exclusión social que cumpran certos requisitos, entre eles, ser maiores de 25 anos e menores de 65, dispor de ingresos inferiores aos límites establecidos en función do número de membros da unidade de convivencia e contar cunha avaliación previa dos servizos sociais municipais. A súa contía toma coma base o indicador público de renda de efectos múltiples (Iprem), que no 2025 serviu para determinar axudas entre os 469,20 e os 840 euros, en función de cada caso concreto. Estúdanse aspectos coma os ingresos totais da unidade familiar e os tramos que se poidan aplicar (como inserción ou complemento de alugueiro).
A deputada do PSdeG lembra tamén que desde a implantación do ingreso mínimo vital por parte do Estado, “o número de persoas que perciben a Risga en Galicia descendeu de modo significativo”, xa que a axuda da Xunta “é subsidiaria” do IMV. Por iso, lamentou que, incluso tras esa baixada, que representa un menor esforzo da Administración autonómica para realizar os trámites, sigan existindo demoras de máis de cinco meses para a súa concesión.