
O secretario xeral do PSdeG destacou que a máxima responsable provincial inicia o seu mandato chamando á cooperación e á integración “mirando cara todos os concellos”
“Os pactos da vergoña son as mocions de censura que ignoran o resultado das eleccións pactando cousas inconfesables”, criticou sobre a actitude dos populares
O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego, José Ramón Gómez Besteiro, acolleu hoxe “con satisfacción” a “liña progresista e a visión total da provincia” que Carmela López Moreno trazou na súa toma de posesión como presidenta da Deputación de Lugo. Besteiro valorou un discurso “que enraíza nas políticas socialistas” e salientou a a vontade de colaborar activamente coas administracións municipais, mirando “cara todos os concellos”, fronte a un PP que “maltrata a Galicia interior”.
O lìder socialista mostrouse convencido de que López Moreno, que xa está desenvolvendo “un gran traballo” como alcaldesa de Burela, será tamén “unha magnífica presidenta da Deputación”. Segundo destacou, as súas chamadas á coperación e á integración de todas as comarcas trazan un camiño “diferente ao que está marcando o Partido Popular”.
A preguntas dos medios de comunicación, José Ramón Gómez Besteiro referiuse á actitude dos populares respecto das maiorías nas institucións. “Os pactos da vergoña son as mocións de censura que fan por toda Galicia e tamén nesta provincia, onde se ignora totalmente o resultado das eleccións e se pactan cousas inconfesables”, criticou fronte á realidade da Deputación. “Aquí o que hai é unha nova presidente elixida pola corporación”, dixo.
Besteiro reclamou que, no canto de lanzar ese tipo de ataques, o PP vire a súa política respecto dunha política que se traduce, desde a Xunta, na “falta de investimentos” e na nula aposta polo rural. Por iso, a Deputación vese na obriga de “suplir”, dixo, a deixación de competencias do Goberno de Rueda. “Que o Partido Popular se deixe de facer declaracións erráticas e descualificacfións e se centre no que interesa nesta provincia”, reclamou o secretario xeral socialista.