

Elena Espinosa leva ao Parlamento unha batería de iniciativas tras semanas de sobresaturación, doentes en corredores e paros do persoal sanitario, fronte ao discurso de “normalidade” do conselleiro
O Grupo Socialista vén de rexistrar no Parlamento de Galicia unha batería de iniciativas, impulsada pola deputada socialista Elena Espinosa, para obrigar á Xunta a afrontar con seriedade o colapso que están a vivir os servizos de urxencias dos hospitais públicos galegos, unha situación de sobresaturación xeneralizada que está a ter consecuencias directas na atención á cidadanía e no propio funcionamento do sistema sanitario; “Necesitamos un plan urxente e con orzamento definido para rematar con este caos”.
A realidade das últimas semanas “deixa pouco espazo para a propaganda á que tanto acostuma o PP”. En centros como Montecelo, a presión asistencial foi tal que se viron obrigados a reprogramar intervencións cirúrxicas non urxentes; en Santiago, con xornadas de máis de 500 persoas atendidas, repetíronse escenas de pacientes en corredores; e na Coruña, o propio persoal sanitario vén denunciando tempos de espera inasumibles, falta de camas e unha situación de colapso grave nas urxencias. A área sanitaria de Vigo, ademais, sinala Espinosa, soporta a maior presión asistencial, ata o punto de que os traballadores e traballadoras tiveron que convocar paros diarios ante un escenario que consideran xa insostible.
Fronte a estes feitos, explica a deputada socialista, “a Xunta insiste nun discurso alleo á realidade”. O propio conselleiro de Sanidade chegou a afirmar, na súa comparecencia do pasado 8 de xaneiro, que o sistema respondeu “con normalidade e sen incidencias destacables”, malia recoñecer un incremento das hospitalizacións por gripe e máis de 50.000 urxencias atendidas na segunda quincena de decembro.
Para o Grupo Socialista, estas declaracións evidencian unha perigosa desconexión entre o relato oficial e o que está a acontecer nos hospitais.
Elena Espinosa asegura que a gripe non explica por si soa o colapso actual: “As urxencias levan tempo soportando unha presión estrutural derivada do debilitamento da atención primaria, que deixou de funcionar como porta de entrada real ao sistema sanitario, trasladando ás urxencias casos que deberían ser atendidos no primeiro nivel asistencial”.
O resultado, sinala, “é unha saturación permanente, atrasos na atención, hacinamento de pacientes e un deterioro progresivo da calidade asistencial, á custa tamén da sobrecarga do persoal sanitario”.
Por todo isto, a batería de iniciativas rexistrada pola deputada insta á Xunta a elaborar e presentar, nun prazo máximo de tres meses e con dotación orzamentaria definida, un plan integral de actuación para os servizos de urxencias dos hospitais públicos galegos, que inclúa un reforzo estrutural e suficiente dos recursos humanos. Ademais, reclama medidas reais para fortalecer a atención primaria e evitar que as urxencias sigan asumindo casos leves e enfermidades comúns que non lles corresponden.
“O que está a pasar nas urxencias non se resolve con mensaxes triunfalistas nin apelando ao esforzo heroico do persoal sanitario”, advirte, polo que considera imprescindible abandonar a improvisación permanente e adoptar decisións estruturais que garantan “unha atención sanitaria segura, digna e de calidade para toda a cidadanía galega.