

Patricia Iglesias criticou en Vimianzo que o trazado entre Santa Irena e a estrada AC-432 só vai constar dunha mesma calzada para ambos sentidos
A deputada socialista reclamou que se complete toda a infraestrutura tal como planificou o Goberno de Touriño, ata Berdoias, unha actuación que Feijoo “decidiu paralizar cando chegou á Xunta”
Lamentou a “incoherencia” dun Goberno do PP que esixe a eliminación das peaxes nas autoestradas que non son da súa competencia e mantenas nas que si son da súa titularidade
A deputada socialista Patricia Iglesias criticou hoxe o proxecto de Rueda para a prolongación da AG-55 no termo municipal de Vimianzo. Iglesias lamentou que o Goberno do PP organizase esta mañá un acto para anunciar o inicio dunha licitación que só recolle a construción dun tramo de 5,5 quilómetros, entre Santa Irena e a estrada AC-432. Lamentou tamén que, por enriba, o novo treito “non vai ser autovía, vai ser un corredor”. Con esas palabras referíase a que, en lugar dúas calzadas separadas, vai constar dunha soa compartida para ambos sentidos de circulación.
A parlamentaria do PSdeG, que compareceu acompañada do deputado autonómico Aitor Bouza e a deputada estatal Obdulia Taboadela, entre outros cargos do partido, lembrou que a ampliación da autovía da Costa da Morte é, en orixe, “un proxecto con selo netamente socialista”, dado que se impulsou durante o Goberno de Touriño. Naquel momento contemplábase levar a AG-55 ata Berdoias, a máis de 15 quilómetros do punto no que remata a día de hoxe. Desa forma, salvaríase o núcleo urbano vimiancés. “Cando Feijoo chegou á Xunta, no 2009, decidiu paralizalo”, recordou sobre o longo atraso que acumula a execución dunha vía de comunicación vital para a comarca e que xa debería estar rematada. Neste caso, as obras, “como moito, estarán listas no 2028, que casualidade, coincidindo coas eleccións autonómicas”, dixo.
Tras anos de desleixo por parte dos Gobernos de Feijoo e Rueda, ademais de continuas promesas incumpridas, tardará aínda máis a extensión da autovía ata Berdoias. Por iso, Patricia Iglesias avanzou que o Partido Socialista manterá o seu compromiso coa finalización da infraestrutura. “Seguiremos reivindicando no Parlamento esta prolongación ata Berdoias, tal como estaba previsto no proxecto orixinario do Goberno de Touriño”, subliñou.
“Peaxes abusivas” entre Carballo e A Coruña
A deputada socialista tamén lle afeou ao PP o que cualificou de “incoherencia” respecto do prezo das peaxes en Galicia. Mentres que as estatais contan con bonificacións de ata o 75 % para usuarios e usuarias habituais, as da Xunta ofrecen descontos moi limitados.
“Piden a transferencia e a gratuidade da AP-9, competencia do Estado, pero resulta que a autoestrada da Costa da Morte -de titularidade autonómica- segue a manter unhas peaxes abusivas no tramo Carballo-A Coruña”, explicou. Esa situación tradúcese en que o Goberno popular da Xunta está “tratando como veciños e veciñas de segunda aos habitantes desta comarca”, engadiu.