
Os contratos foron asinados na etapa de Feijóo co despacho do exministro Cristóbal Montoro, investigado por tráfico de influencias
A deputada Patricia Iglesias advirte de expedientes con documentos sen sinatura nin autoría e informes usados para xustificar a fusión das caixas galegas sen rigor técnico
O Grupo Parlamentario Socialista vén de rexistrar unha iniciativa no Parlamento de Galicia para esixir explicacións á Xunta pola falta de transparencia nas contratacións realizadas co despacho Equipo Económico, fundado polo exministro de Facenda Cristóbal Montoro e investigado penalmente por presuntos delitos de organización criminal e tráfico de influencias.
A deputada socialista Patricia Iglesias lembra que a Xunta formalizou un total de 13 contratos con este despacho entre os anos 2009 e 2011, baixo a presidencia de Alberto Núñez Feijóo, por un importe global de 172.838 euros, sen que ata o momento se facilitase unha información completa, ordenada e verificable sobre o seu contido, utilidade real e xustificación administrativa.
Iglesias denuncia que, tras acceder o pasado 12 de setembro aos expedientes de contratación, o Grupo Socialista puido constatar feitos de especial gravidade institucional, como a existencia de informes en forma de simples borradores, sen sinatura nin data, documentos sen identificación do persoal responsable e materiais de carácter xeral que se limitan a reproducir normativa fiscal estatal, sen adaptación ás competencias propias da Comunidade Autónoma.
Entre a documentación revisada figura tamén un arquivo en formato PowerPoint relativo á fusión das caixas galegas, sen conclusións técnicas nin recomendacións finais, que foi utilizado como soporte político para unha das decisións económicas máis transcendentes da historia recente de Galicia.
Ese mesmo día, o Grupo Socialista solicitou formalmente copia íntegra de todos os contratos menores adxudicados a Equipo Económico, así como dos informes finais asociados a cada un deles. A día de hoxe, esa documentación segue sen ser remitida, incumprindo os principios de transparencia, colaboración parlamentaria e control democrático da acción do Goberno.
A iniciativa socialista insta agora á Xunta a entregar de maneira inmediata toda a documentación pendente, a explicar os criterios seguidos para a adxudicación reiterada de contratos a un mesmo despacho e a revisar os procedementos internos de contratación, especialmente no ámbito dos contratos menores, para garantir a trazabilidade documental, evitar a fragmentación indebida e reforzar os mecanismos de control e fiscalización.