

Carmen Dacosta denuncia que o incumprimento da lei en materia forestal converte o risco de incendio nunha responsabilidade política
A deputada explicou que a falta do Pladiga en prazo tradúcese en atrasos nas contratacións do persoal, deterioro da coordinación operativa, perda de capacidade de resposta e desinformación da cidadanía sobre as medidas previstas
Dacosta tamén se referiu ao caso denunciado onte polo PSdeG sobre a utilización dos vehículos LIMA, de vixiancia ás vítimas de Viogen, para labores de escolta a Alfonso Rueda
A deputada do Grupo Parlamentario Socialista, Carmen Dacosta, advertiu hoxe de que a Xunta de Galicia está a gobernar contra a prevención e fóra da lei en materia forestal ao incumprir, un ano máis, os prazos legais de aprobación do Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (Pladiga).
Dacosta sinalou que xa non se pode falar dun atraso puntual, senón dun incumprimento reiterado e consciente que ten consecuencias directas sobre a seguridade do territorio e das persoas: “Despois da maior vaga de lumes das últimas décadas, a Xunta decide seguir gobernando sen planificación preventiva, asumindo un risco que non é técnico nin inevitable, senón político”, afirmou.
A deputada lembrou que a normativa vixente obriga ás comunidades autónomas a aprobar os plans anuais de prevención antes do 31 de outubro do ano anterior e subliñou que esta planificación é clave para anticipar recursos, coordinar administracións e garantir unha resposta eficaz fronte aos incendios. “Cando se incumpre a lei sabendo o que está en xogo, o risco deixa de ser accidental e pasa a ser unha responsabilidade directa do Goberno”, advertiu.
Segundo explicou, a falta do Pladiga en prazo tradúcese en atrasos nas contratacións do persoal, deterioro da coordinación operativa, perda de capacidade de resposta e desinformación da cidadanía sobre as medidas previstas. “O sistema chega debilitado ao momento de maior perigo porque a prevención non está sendo unha prioridade política para a Xunta”, sinalou.
Dacosta lembrou tamén que os expertos levan anos alertando de que os incendios de nova xeración, asociados ao cambio climático, ao abandono do territorio rural e á acumulación de biomasa, son practicamente imposibles de extinguir unha vez se inician. “A prevención constrúese no inverno. O que fai a Xunta é chegar tarde sabendo perfectamente cales poden ser as consecuencias”, indicou.
A deputada denunciou ademais que Galicia tampouco está a adaptarse ao novo marco establecido no Real Decreto 716/2025, que reforza a planificación territorial, a prevención desde a protección civil, a adaptación dos dispositivos aos incendios de alta intensidade e a formación continua do persoal. “Esta falta de adaptación evidencia unha preocupante desconexión coa realidade actual dos lumes”, afirmou.
Vehículos LIMA e protección das vítimas
Trala súa intervención, Carmen Dacosta referiuse tamén á utilización dos vehículos LIMA por parte da Xunta de Galicia, denunciando que se estean detraendo recursos destinados á protección de vítimas de violencia machista con risco alto para cubrir a escolta institucional do presidente da Xunta.
A deputada socialista advertiu de que esta práctica, que a Xunta non negou, supón priorizar a axenda política fronte á seguridade de vítimas que se atopan en situación de risco real. “Os vehículos LIMA deben empregarse prioritariamente para garantir a protección das vítimas de violencia machista. Non se pode deixar a unha vítima sen vixilancia para cubrir actos institucionais”, subliñou.
Neste sentido, o PSdeG reclamou o cesamento inmediato desta práctica e anunciou a presentación de iniciativas parlamentarias para que esta cuestión sexa debatida nas comisións e no próximo pleno do Parlamento.
Resposta ás preguntas dos medios
No turno de preguntas, Dacosta respondeu tamén a cuestións relacionadas coa actualidade política e cos casos de presunto acoso coñecidos nas últimas semanas. A deputada insistiu en que o Partido Socialista é o único que dispón dun protocolo interno e dun canle confidencial e garantista para a denuncia destas situacións, e subliñou que o partido actúa con rapidez e contundencia cando ten coñecemento de que existe unha denuncia formal.
Finalmente, defendeu que o PSdeG está a actuar con responsabilidade, transparencia e respecto ás vítimas, fronte a outras formacións que, lembrou, “tardaron meses en reaccionar ou minimizaron situacións graves cando tiveron coñecemento delas”.