
O voceiro da Executiva do PSdeG insistiu en que o partido non ten constancia de ningunha denuncia, nin procedemento formal rexistrado polos cauces oficiais
O voceiro da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, apelou este venres ao rigor e ao cumprimento estrito dos procedementos internos ante as informacións publicadas nos últimos días sobre un posible caso de acoso laboral contra a alcaldesa Inés Rey e o concelleiro José Manuel Lage, e insistiu en que o partido non ten constancia de ningunha denuncia, nin procedemento formal rexistrado polos cauces oficiais.
Insistiu na necesidades de respectar os procedementos, a protección das vítimas e a prudencia, pero actuando de maneira inmediata e con contundencia, como se fixo en Lugo e Ourense en canto se tivo constancia oficialmente das denuncias.
Neste contexto, fixo unha reflexión máis ampla sobre como debe actuar unha organización política ante este tipo de situacións, baseada en tres principios fundamentais: o respecto estrito aos procedementos, a protección das vítimas e a prudencia.
En primeiro lugar, insistiu en que o PSdeG conta cun procedemento claro, que pode ser obxecto de debate, pero que existe e debe cumprirse con rigor e coherencia, xa que é o que permite evitar a especulación e a construción de relatos apresurados.
En segundo lugar, remarcou que a dirección do partido debe afastar sempre o foco das vítimas, que deben ser protexidas, apoiadas e amparadas, e nunca instrumentalizadas no debate político ou mediático.
En terceiro lugar, apelou á prudencia como elemento esencial da acción política responsable, fronte á presión da inmediatez comunicativa. Advertiu de que a política prudente non sempre cotiza, pero é a que permite ser certeiros, precisos e veraces, evitando valoracións que co paso do tempo resultan incorrectas.