

O Partido Socialista estará presente na mobilización, que sae a mediodía da Alameda, ao lado da cidadanía e do territorio, defendendo unha Galicia que avance sen destruír os seus recursos, e esíxelle á Xunta que rexeite a macrocelulosa de maneira definitiva
O PSdeG participará este domingo, 12 de decembro, na manifestación contra a instalación da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei. A dirección do partido vén de convocar á militancia para que se sume á mobilización que partirá da Alameda compostelá ás 12.00 horas.
A través dun comunicado, a secretaria de Organización, Lara Méndez, insta a todos e todas os socialistas a sumarse ao que será “un novo exercicio de dignidade colectiva diante dun modelo industrial que non responde nin ás necesidades do país nin ás demandas sociais” para impulsar un desenvolvemento sustentable. Nel insiste en que o Partido Socialista de Galicia “estará, coma sempre, onde estea Galicia cando se defende o interese común, o territorio e os empregos dignos”, e en que o PSdeG “cre na industria, na ciencia e na innovación, pero tamén nun desenvolvemento que respecte a saúde pública, a auga, os montes e a biodiversidade”, xerando para o territorio “valor real”.
Méndez alerta dos efectos dun modelo de megaproxectos “sen retorno social suficiente, de forte impacto ambiental e sen garantías claras” que defende a Xunta, un modelo que “no é o que Galicia merece. Fronte a el, o Partido Socialista aposta por unha economía “verde, moderna e sostible” que cree emprego de calidade “e non hipoteque o futuro”.
O PSdeG lembra que os e as socialistas foron quen levaron o proxecto de Altri “ao punto morto no que se atopa”, e reclama agora que a Xunta o rexeite “de maneira definitiva”. Por iso, a secretaria de Organización chama a toda a militancia a estar “ao lado da cidadanía e do territorio, defendendo unha Galicia que avance sen destruír os recursos”.
Por outra banda, a próxima semana, o Grupo Socialista levará ao pleno do Parlamento de Galicia unha iniciativa na que insta ao Goberno de Rueda a que, “de forma inmediata”, denegue a Altri a instalación da planta en Palas de Rei. Defenderaa a deputada Patricia Iglesias.