
Lara Méndez esixe “menos anuncios e máis resultados” cunha planificación industrial seria, enerxía limpa con seguridade xurídica, transparencia nos PIEs e rigor técnico
A parlamentaria socialista Lara Méndez criticou hoxe a falla de política industrial dun goberno galego que “vive de anunciar, non de facer”, e por iso mantén “tódolos plans industriais estratéxicos -PIEs- paralizados”. A responsable socialista sinalou a falla clamorosa de resultados no impulso industrial por parte da conselleira, que “declara PIEs para saír nunha rolda de prensa, pero non para tramitalos nin executalos”.
Advertiu que neste momento absolutamente todos estes proxectos que deberan ser estratéxicos para Galicia están en fase de alegacións, algúns deles dende hai catro anos, como o caso de Sentury, en As Pontes, “do que hoxe só sabemos que se deslocalizou a Marrocos”. Ningún deles, insistiu, ten a tramitación avanzada, mentres a web da Xunta “nin sequera está actualizada”, e carecen de informes públicos de seguimento.
Responsabilizou tamén á conselleira de Industria do “fracaso” da sociedade Impulsa Galicia, que estaba chamada a promover os PIEs e foi disolta este mesmo verán “con nocturnidade e aleivosía, sen un só proxecto tractor industrial rematado”. A súa substituta, a Sociedade Recursos de Galicia, non ofreceu “ningún resultado” mentres “seguimos esperando pola comercializadora pública de enerxía que prometeron”, e polo momento só anunciou compra de activos de parques eólicos.
Engadiu que o sector eólico continúa tamén paralizado e sumido no “caos e a inseguridade xurídica” provocado polo goberno galego, con máis de 90 parques suspendidos polo TSXG, un plan eólico de 1997, a ampliación da Rede Natura “metida nun caixón” e un marco lexislativo que suma 14 modificacións nos últimos anos.
Acusou ao PP de “construír industria sobre un chan de area”, que se caracteriza polos “bandazos normativos, improvisación, repotenciacións eólicas sen diálogo e unha confrontación permanente co sector, coa cidadanía e co goberno de España, cando é o que está a impulsar á industria sostible. Criticou que mentres o Goberno de España aposta polo “diálogo e planificación”, a Xunta só coñece a “imposición”.
Fronte ao “falso discurso vitimista da Xunta”, explicou que o goberno está a apoiar os proxectos de hidróxeno verde de As Pontes e Meirama, a planta de bioenerxía de Norvento, as repotenciacións eólicas voluntarias, o Valle de Hidróxeno no Porto da Coruña ou a fábrica pública de IA en saúde no Cesga.
Méndez puxo o proxecto de Altri como “resumo de todo o problema do goberno galego do PP, que o presenta como “tractor biosostible” cando en realidade é “unha macrocelulosa”. Un proxecto ao que o goberno de España quen tivo que rexeitar a axuda singular de 250 millóns porque incumpría os requisitos de non causar dano ao medioambiente, así como as axudas ao PERTE da descarbonización e o permiso para a subestación eléctrica.
Cuestionou o compromiso do goberno galego coa industria sostible, logo de que plantaran o Cumio do Clima convocado polo Ministerio de Transición Ecolóxica e o PP votara en contra da Lei Europea do Clima, abandonando á dereita liberal para situarse xunto con “Orbán, Meloni e Abascal”, os que “boicotean fondos europeos, negan o cambio climático e votan contra a industria verde”.
O Grupo Socialista reclamou unha planificación industrial seria, enerxía limpa con seguridade xurídica unha tramitación “transparente”, rigor técnico e un goberno galego “que non viva de anuncios, senón de resultados”, do lado do Pacto Verde Industrial Europeo, a reindustrialización sostible, a autonomía estratéxica industrial e a economía verde para gañar competitividade.