
A deputada Paloma Castro destaca o récord histórico da Valeduría de asuntos tramitados en 2024, “nun contexto marcado pola crecente frustración da cidadanía co funcionamento da Xunta”
Sanidade, política social, educación e vivenda concentran a maior parte das queixas cidadás, segundo un informe que volve situar á Xunta diante do espello das súas eivas estruturais
Denunciou a decisión do Goberno galego de retirar á Valedora as competencias en materia de transparencia para entregalas ao Consello Consultivo, “un órgano cuxa composición controla grazas á súa maioría absoluta”
A portavoz socialista en materia institucional, Paloma Castro, salientou hoxe no Parlamento que o informe anual da Valedora do Pobo “volve a poñer a Rueda diante do espello das súas carencias estruturais”, ao evidenciar que sanidade, política social, educación e vivenda son, un ano máis, as áreas que acumulan a maior parte das queixas cidadás “sen que o Goberno galego adopte medidas reais para reverter o deterioro”.
Castro abriu a súa intervención agradecendo o traballo “rigoroso, constante e independente” da Valeduría do Pobo, que en 2024 bateu un récord histórico de asuntos recibidos, o que ao seu xuízo evidencia “a confianza crecente da cidadanía nunha institución que escoita, responde e actúa”, pero tamén “a profunda insatisfacción co funcionamento das administracións dependentes da Xunta”.
A deputada socialista denunciou especialmente a decisión do Goberno galego de retirar á Valedora as competencias en materia de transparencia para entregalas ao Consello Consultivo, “un órgano cuxa composición controla grazas á súa maioría absoluta”: “É un atentado á independencia institucional e unha forma de esquivar a rendición de contas”, advertiu.
Segundo Castro, “Rueda prefire órganos que controla antes que institucións libres e fiscalizadoras. Por iso manipula organismos, coloniza estruturas e modifica leis ao seu antollo”.
A socialista lembrou que esta modificación se suma “á instrumentalización do IGE, aos cambios nos directores territoriais e a outras decisións que evidencian unha deriva perigosa cara á opacidade”.
Sanidade: “listas de espera inasumibles e derivacións forzadas”
Castro destacou que máis da metade das queixas recollidas pola Valeduría, un 52%, están relacionadas coa sanidade: “É o fracaso máis evidente da Xunta”, afirmou.
Entre os principais problemas recollidos no informe destacou as “listas de espera inasumibles” e incumprimento sistemático dos prazos máximos, os retrasos en probas diagnósticas en áreas como oftalmoloxía, traumatoloxía, rehabilitación ou oncoloxía, a falta de profesionais de medicina familiar e pediatría, especialmente no rural e , finalmente, as derivacións forzadas á privada, malia as negativas reiteradas do conselleiro.
“Eu mesma o vivín coa miña filla: un ano agardando por unha operación no CHUS e, ao final, a chamada para derivarnos á privada baixo ameaza de perder a quenda. Isto non é liberdade de elección: é chantaxe sanitaria”, afirmou.
Política social: “parche sobre parche e sen planificación”
A política social, que concentra o 19,3% das queixas recollidas pola Valeduría, volve amosar -segundo denunciou a deputada socialista- “anos de improvisación e ausencia de planificación” por parte da Xunta. O que debería ser unha columna vertebral do benestar queda reducido a unha sucesión de parches que nin garanten estabilidade nin ofrecen respostas reais ás persoas máis vulnerables.
Castro advertiu de que o Servizo de Axuda no Fogar se converteu nun servizo economicamente inasumible para os concellos, obrigados a asumir un cofinanciamento que non poden soportar, mentres a Xunta continúa anunciando máis horas sabendo perfectamente que son imposibles de executar en condicións dignas. Paralelamente, as entidades do terceiro sector sobreviven nunha situación límite, presas dun endebedamento inxusto derivado da falta de actualización das achegas autonómicas, que obriga a moitas organizacións a manter servizos esenciais practicamente a perda.
A deputada subliñou tamén que a accesibilidade universal segue a ser unha materia pendente. Persisten barreiras arquitectónicas, espazos públicos mal deseñados e servizos que exclúen a quen máis precisaría ser incluído. E a isto súmase a saturación crónica dos recursos residenciais para persoas maiores e dependentes, incapaces de dar resposta á demanda real dun país que envellece sen que o Goberno galego planifique a medio ou longo prazo.
Graves carencias nos sistemas de protección de menores
O informe da Valedora confirma tamén graves carencias nos sistemas de protección de menores, con falta de persoal, insuficiencia de programas de apoio e abandono do acollemento familiar. “A Xunta xustifica que non pode acoller menores migrantes porque non hai espazo. Claro que non o hai: levan anos sen investir nun sistema que debe ser flexible e preparado para situacións de emerxencia”, lamentou.
Deterioro sostido da Educación
A educación é a terceira área con maior volume de reclamacións. Castro destacou “o deterioro sostido da escola pública galega”, afectada por recortes en profesorado, incumprimentos de ratios e abandono da educación no rural.
Ademais, denunciou que a Consellería de Educación é “a que máis obstaculiza o labor da Valeduría e a que menos acepta recomendacións”, o que cualificou de “grave irresponsabilidade”.
A deputada subliñou tamén o “profundo déficit de política pública” en materia de vivenda, con falta de vivenda social e erros na tramitación do bono alugueiro. “A Xunta só reaccionou cando o Goberno de España situou a vivenda como prioridade política e transferiu fondos históricos. Antes diso, nada”, afirmou.
Castro concluíu agradecendo de novo o traballo da Valeduría e destacando a súa nova advertencia sobre os riscos da intelixencia artificial: “Nun momento no que Galicia necesita previsión, planificación e defensa dos dereitos fundamentais, a Valeduría representa rigor, transparencia e bo goberno. Xusto o contrario do que hoxe atopamos na Xunta de Galicia. Oxalá o Goberno galego tome nota dunha vez”.