

A deputada denuncia que Galicia tarda máis dun ano en dar unha axuda de dependencia, “o dobre do límite legal”, e que o novo modelo da Xunta está provocando hospitalizacións prolongadas por falta de prazas sociais
A voceira de Política Social do Grupo Parlamentario Socialista, Silvia Longueira, advertiu esta mañá en Santiago de Compostela dunha situación “absolutamente insostible” no sistema galego de dependencia e acusou á Xunta de “maquillar cifras, crear falsas expectativas e abandonar ás familias nun dos momentos máis fráxiles das súas vidas”.
A deputada explicou que, segundo os datos oficiais, en España morreron 900.000 persoas en lista de espera en 18 anos de lei de dependencia, cun tempo medio de resolución de 330 días. “Pois ben, en Galicia a espera real sitúase por encima que é o dobre do máximo legal. Pero a Xunta insiste en que todo vai fenomenal. É simplemente falso”, afirmou.
Longueira advertiu de que esta demora non é unha discusión técnica, senón unha realidade que “entra nas casas”. A Xunta, explicou, “contabiliza só o tempo entre a solicitude e a primeira resposta administrativa. Pero a realidade é que unha persoa pode tardar máis dun ano en recibir o Servizo de Axuda no Fogar e ata dous anos e medio en acceder a un centro de día ou praza residencial. Esa é a verdade que non queren contar”, subliñou.
“O Bono Coidado distorsionou o sistema e deixa a centos de familias sen cobrar”
A deputada denunciou que a entrada en vigor do programa autonómico “Bono Coidado” non mellorou nada; “ao contrario, distorsionou completamente o sistema de dependencia, especialmente o Servizo de Axuda no Fogar, que é o recurso máis demandado e o que está hoxe en xaque en toda Galicia”.
Segundo explicou, moitas familias reciben unha resolución indicándolles que teñen dereito á axuda e que acumularon atrasos por valor de 6.000 ou 7.000 euros. “Pero cando queren facer efectivo ese dereito, descubren que non poderán cobrar nada porque ninguén lles informou de que tiñan que contratar previamente unha empresa acreditada e contar cunha factura. Isto é un engano masivo. Estase a crear unha expectativa que nunca se cumpre”.
Tamén criticou que á persoa beneficiaria se lle ofrece un bono de apenas 250 a 400 euros mensuais, cando o custo real dun coidado digno é moi superior. “E se non queres o bono e pides o Servizo de Axuda no Fogar, a resposta é clara: ano e medio máis de espera. Isto non é un modelo de protección social; é unha carreira de obstáculos”.
Galicia, entre as peores comunidades en investimento e atención
Longueira subliñou que Galicia é, segundo os últimos informes do Observatorio da Dependencia, a comunidade que menos investe por persoa potencialmente dependente: 848 euros por persoa fronte a media estatal de1.378 euros.
“É imposible presumir de eficacia investindo o menos de España. Quen menos inviste, peor atende. E Galicia é hoxe unha das autonomías con peor xestión, con recortes de prazas residenciais e cunha cobertura real do Servizo de Axuda no Fogar que non chega as persoas que o necesitan”, explicou a deputada.
Tamén advertiu Longueira de que Galicia é a comunidade onde menos solicitudes se presentan en relación coa súa poboación maior, o que atribuíu a “desinformación, desconfianza e unha burocracia que desanima a iniciar calquera trámite”.
Un dos aspectos máis graves que denunciou a parlamentaria do PSdeG foi o incremento das hospitalizacións prolongadas de persoas maiores por falta de prazas sociais: “Hoxe hai persoas que permanecen 2, 3 e ata 4 meses ingresadas nos hospitais galegos, non por motivos médicos, senón porque non hai prazas residenciais nin recursos sociais dispoñibles. É a chamada hospitalización social encuberta, que é inhumana, bloquea camas, colapsa Urxencias e compromete a asistencia sanitaria”, explicou.
A deputada criticou tamén a decisión da Xunta de centralizar en Santiago o servizo de emerxencias da dependencia, excluíndo ás delegacións provinciais. “Isto afasta o sistema do territorio, rome a proximidade e deixa ás persoas máis vulnerables sen acompañamento nin defensa. Se un usuario non ten rede familiar, ninguén reclama por el”, advertiu.