

Lara Méndez denuncia o deterioro xeneralizado na sanidade pública en toda a Mariña polo “abandono” por parte do PP
A parlamentaria socialista Lara Méndez acusou hoxe ao Sergas de “burlarse” dos 3.437 veciños e veciñas de Xove, que hoxe só teñen un médico dos tres que debera ter o Centro de Saúde. Méndez presentou unha pregunta oral na Comisión de Sanidade para esixir unha “solución estable” para o Centro de Saúde e os pacientes que se enfronta a unha situación “insostible e infrahumana”.
A responsable socialista lembrou que o Centro de Saúde pasou nos últimos anos de ter tres médicos con menos poboación a contar hoxe con un só facultativo que vai cinco días á semana durante cinco horas ao día nas que ten que atender a maiores nos domicilios ou á residencia da terceira idade. A realidade do día a día e que os veciños e veciñas tardan en ser atendidos entre 5 e 20 días, polo que se teñen que desprazar 25 quilómetros para ser atendidos no PAC ou en Urxencias.
Méndez puxo en dúbida o anuncio do Sergas, que hoxe dixo que a partir do un de decembro habería no Centro de Saúde un facultativo estable, porque “hoxe xa temos un facultativo, e se prescindimos del terán que pechar o Centro de Saúde e cada un que se busque a vida”. Acusou ao goberno galego de cubrir estas prazas con profesionais a piques da xubilación, co que ofrecen solucións temporais “de cara á galería”, que abocan a repetir o problema aos poucos anos.
Ademais, criticou a falta de resposta diante do deterioro do centro, cando o goberno galego responde con “termos absolutos, macrocifras e futuribles”, pero que “non din o que pensan facer” coas instalacións dun Centro de Saúde cun deterioro evidente.
Abandono da Mariña
A responsable socialista dixo que o caso do Centro de Saúde de Xove representa o “deterioro” na atención sanitaria para os 70.000 habitantes da Mariña polo “abandono” das políticas públicas por parte do PP dende o goberno galego.
Méndez enumerou a situación en todo o servizo sanitario da comarca, coa falta de médicos en Ourol, eivas no Vicedo, plantilla incompleta en Viveiro, unha médica para dous centros en Cervo, o colapso das Urxencias en Burela, falta de persoal en Foz, falla de atención en Barreiros, sen médicos en Ribadeo ou un único médico en Trabada.