
Aitor Bouza acusa ao Goberno galego de bloquear unha infraestrutura esencial pese a que o concello puxo parcelas a disposición e vive un crecemento de alumnado que supera os 550 menores nos centros educativos de Valdoviño
O deputado socialista Aitor Bouza reclamou hoxe na Comisión de Educación do Parlamento de Galicia que a Xunta active de inmediato os trámites para a construción dun novo IES en Valdoviño, unha infraestrutura que cualificou como unha “débeda histórica” coa veciñanza do municipio. O parlamentario lembrou que o concello leva anos reclamando esta dotación e mesmo ofreceu xa parcelas municipais situadas ao lado do CPI Atios para facilitar unha transición ordenada entre etapas educativas.
Bouza subliñou que Valdoviño é un concello en crecemento, con cada vez máis familias novas e máis de 550 nenos e nenas matriculados nos centros educativos existentes, que deberían poder continuar os seus estudos obrigatorios e postobrigatorios sen ter que desprazarse fóra do municipio. Hoxe, porén, a mocidade vese obrigada a dispersarse entre centros de Ferrol, Narón ou Cedeira, “perdendo tecido social e provocando importantes dificultades ás familias”, advertiu.
Un transporte deficiente que prexudica ao alumnado de Valdoviño
O parlamentario chamou a atención sobre as múltiples disfuncións no transporte escolar derivadas da falta dun IES no municipio: o alumnado debe usar o bono transporte só para acudir ás clases; varias parroquias non teñen servizo para volver xantar á casa; moitos estudantes deben pagar comedor; e os horarios dos buses obrigan a iniciar a xornada ás 9:30 horas, xerando graves problemas de conciliación e obrigando ao concello a habilitar un servizo de madrugadores para o alumnado da ESO.
Ademais, Valdoviño é “a última parada do circuíto”, polo que os estudantes chegan máis tarde e con maiores dificultades. “Con un IES en Valdoviño, estes problemas desaparecerían e poderíase unificar o horario escolar”, sinalou.
Un IES con FP para atender a máis de 600 mozos e mozas
Bouza lembrou que no concello hai 301 nenos e 302 nenas empadroados menores de 14 anos, cifras que acreditan a necesidade dun novo centro de secundaria e formación profesional, dotado de infraestruturas axeitadas e que dea resposta á mocidade da zona, evitando “formacións provisionais e parches” que non resolven o problema estrutural existente.
Durante a súa intervención, o deputado reclamou que a Xunta incorpore unha partida específica nos Orzamentos de 2026 para iniciar a construción do novo IES e comezar xa os trámites administrativos necesarios. “A Administración autonómica non pode seguir atrasando unha decisión que afecta directamente ás oportunidades educativas e ao futuro da nosa mocidade”, afirmou.
No seu peche, Bouza advertiu ademais que o propio PP de Valdoviño manifestouse a favor da construción do IES, polo que esixiu ao Goberno galego que explique por que continúa bloqueando o proxecto: “Estamos ante un castigo a Valdoviño por ter un alcalde socialista? Porque as necesidades educativas non teñen cor política; teñen urxencia e evidencias”.
Seguimento desde o Grupo Parlamentario Socialista
A intervención do deputado foi seguida no Parlamento por Sergio Saaveda e Alejandro García Sousa, tenentes de alcalde de Valdoviño que subliñaron a necesidade de que a Xunta deixe de atrasar unha infraestrutura esencial para a comarca.