
O secretario xeral do PSdeG censurou que a Xunta non autorizase hoxe a entrada de deputados socialistas no IES Francisco Aguiar, de Betanzos: “Que tratan de agochar?”
“Mañá saiamos ás rúas a dicir alto e claro que estamos en contra da violencia machista, que condena ás mulleres polo simple feito de selo”, animou na véspera do 25N
“Que tratan de agochar a Consellería de Educación e a Xunta do Partido Popular para que non poidamos visitar un centro público?”. O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, criticou hoxe que o Goberno de Rueda non autorizase a súa entrada no IES Francisco Aguiar, de Betanzos, nin a da alcaldesa, María Barral, tres deputados e deputadas e tres concelleiros.
Os cargos públicos tiñan previsto inspeccionar o estado das instalacións, sobre o que existen reiteradas denuncias por parte da comunidade educativa, e a tal efecto solicitouse desde o Concello un permiso que non foi concedido por parte da Administración autonómica.
Besteiro sinalou que existen “pingueiras, problemas co amianto e estruturas a piques de colapsar nun centro no que incluso se rexistran problemas tan graves como filtracións de auga sobre instalacións eléctricas. Por iso, reclamou a reforma integral do Aguiar, “que ten unha historia de máis de 75 anos e que é unha referencia na cidade e na comarca”. Trátase dunha reivindicación que o Grupo Socialista no Parlamento galego vén defendendo desde hai meses e sobre a que xa presentou diferentes iniciativas.
Ao mesmo tempo, Besteiro demandou que esa solución definitiva, con contías reais nos Orzamentos e planificación, se traslade tamén ao outro IES betanceiro, As Mariñas, e ao colexio de infantil e primaria Francisco Vales Villamarín.
O líder socialista enmarcou a situación dos centros educativos de Betanzos na “evidente falta de aposta polo público por parte do PP e de Rueda”, que abandonan as instalacións “en vez de facer o que teñen que facer: renovalas, modernizalas e adaptalas”.
“Inimigos do público” que están “apostando polo ensino privado”
“Rueda e o Partido Popular son inimigos do público, e neste caso da educación pública”, insistiu o secretario xeral do PSdeG para sinalar que, salvo en períodos electorais, “os Orzamentos non se preocupan por estas instalacións”. Por iso, comprometeuse a que os e as socialistas seguirán preguntando no Parlamento “por que non se afrontan os procesos de reforma integral” dos centros e defendendo os investimentos necesarios para que se acometan as obras para a súa modernización.
José Ramón Gómez Besteiro censurou que o Goberno do PP estea “apostando polo ensino privado” e asegurou que, pola contra, o Partido Socialista seguirá defendendo o público, “como hai que facer”.
Chamamento á mobilización para mañá
Por outra banda, o portavoz socialista aproveitou a véspera do 25N para facer un chamamento á mobilización. “Mañá saiamos ás rúas a dicir alto e claro que estamos en contra da violencia machista, que condena ás mulleres polo simple feito de selo”, invitou.
Advertiu ademais do “negacionismo inadmisible” que ameaza os dereitos que a loita feminista foi conquistando con gran esforzo, e animou á sociedade a deixar patente a oposición á violencia machista.
Proxecto para a atención ás persoas con discapacidade intelectual
Con motivo da súa visita á cidade, o secretario xeral do PSdeG tamén se interesou polo traballo que realiza a Fundación Hospitalarias Betanzos, unha entidade con case un século de historia que ten como fin a atención integral a persoas con discapacidade intelectual.
Besteiro, en compaña da alcaldesa; María Barral; os deputados Patricia Iglesias, Silvia Longueira e Aitor Bouza, e os concelleiros Diego Fernández, Andrés Hermida e Ricardo Cheda, achegouse ás instalacións que o Concello lle cedeu á Fundación para o desenvolvemento dun proxecto de integración á comunidade. O líder socialista tivo oportunidade de compartir uns intres con usuarias e usuarios e coñecer de primeira man o labor que desenvolve a Fundación no edificio do antigo Colexio de Orfas betanceiro.