
Aitor Bouza pregúntase por que o Goberno autonómico se nega a entregar os resultados da inspección técnica “se xa está feita”
O deputado socialista ve “lamentable” que o Partido Popular alegue que “só caeron uns falsos teitos” cando resultou ferido un paciente
O deputado socialista Aitor Bouza reclamoulle hoxe á Xunta de Galicia que entregue “de maneira inmediata” o informe sobre as causas da caída de falsos teitos no Hospital Arquitecto Marcide, de Ferrol. Despois de que en meses pasados se produciran dous accidentes similares, nun dos cales resultou ferida unha persoa, Bouza esixiu hoxe en comisión parlamentaria que o Goberno galego garanta a seguridade tanto dos pacientes como do persoal sanitario.
O deputado do PSdeG advertiu da “evidente preocupación” que as deficiencias estruturais e o estado de conservación das instalacións hospitalarias causan entre os usuarios e os profesionais, dado que se está a “poñer en risco a súa seguridade”. Sinalou, ademais, que “non só ocorre no hospital ferrolán, senón que se produce no resto de instalacións sanitarias do territorio galego”. Nese senso, defendeu que o sistema sanitario público “precisa de centros seguros, modernos e ben mantidos”.
No que se refire ao caso concreto do Marcide, recordou que forma parte dunha área sanitaria na que viven máis de 150.000 persoas, ás que lles afecta “o atraso de máis de dous anos nas obras de ampliación e mellora”.
Bouza criticou que, só momentos antes da reunión da comisión, a Xunta respondese á solicitude oficial na que o Grupo Socialista lle demandaba información sobre a caída de teitos que ocorreu este verán e se repetiu en outubro. Esa resposta do Goberno do PP foi “que se concretase o alcance dos informes solicitados”, explicou o deputado. E recriminoulles aos populares que “o alcance foi o ferido ao que lle caeu un teito enriba, e a Xunta non da explicacións”.
Aitor Bouza censurou que non se lle queiran facilitar á oposición eses informes. “Se non existen, entón a situación é aínda peor”, asegurou. “Por que o PP non entrega os resultados da inspección técnica se xa está feita?”, preguntouse.
O deputado do PSdeG reiterou na súa conclusión a demanda de que o proxecto de ampliación e mellora do Arquitecto Marcide se execute “sen máis demoras”, incorporando nos Orzamentos do 2026 “a partida económica suficiente para a súa finalización efectiva”. Tamén que se dote o hospital dos recursos materiais e humanos precisos para asegurar unha atención sanitaria de calidade e unhas condicións laborais e de seguridade dignas para o seu persoal”.