
Elena Espinosa acusa ao goberno galego de “faltarlle ao respecto” aos profesionais da sanidade
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, reclamoulle hoxe ao conselleiro de Sanidade que explique os cambios que quere face no buzón de pacientes. Espinosa interpelou ao conselleiro no Pleno do Parlamento logo do aluvión de queixas que provocan as listas de espera na Valedora do Pobo e que derivan da “privatización da sanidade” por parte do PP.
Acusou ao PP de gastar “millóns de euros” dos orzamentos para derivar os pacientes á sanidade privada, que “xa están a saturar” e reclamoulle que atenda á Valedora do Pobo e mesmo organismos como Amnistía Internacional, que reclama “máis recursos humanos e materiais na sanidade pública”.
A responsable socialista dixo que os datos de listas de espera recoñecidos polo goberno galego “son falsos” deliberadamente para “ocultar información” dos pacientes que teñen que soportar esperas insostibles. Puxo como exemplo o caso real dunha paciente á que o médico de atención primaria lle solicitou cita de especialidade en maio, ata o 12 de novembro non a chamaron e foi para convocala o 13 de outubro de 2026.
Espinosa resumiu que neste caso “tardou 6 meses en aparece nunha lista e agora ten 11 meses de espera fronte aos 50 días que admite o goberno galego para esta especialidade”. Esixiulle ao conselleiro “respostas serias” e que “non veña con demagoxias, alarmas ou lameiras” cando a propia Valedora está a sinalar que os tempos “teñen que ser razoables” e reclama un tempo máximo de espera para os pacientes que rexeiten operarse nun centro concertado.
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista reclamoulle ao conselleiro dende o Parlamento que “recapaciten co que está pasando coas listas de espera, porque se non fan algo vanse lamentar dentro de moi pouco”.
Esixiulle “solucións a curto, medio e longo prazo para garantir unha atención de calidade e sostible da rede pública”, cando o goberno galego nin sequera trampeando as listas de espera foi capaz de cumprir co compromiso de Rueda, que en 2023 se comprometera a reducir as esperas a cifras prepandemia. Moito máis de dous anos despois as listas de espera continuaron aumentando, con 17 días mais para operación e consulta especializada.
Lembrou que segundo as cifras do propio Sergas a 30 de xuño había máis 360.000 pacientes, o que supón máis dun 13 por cento da poboación galega, o equivalente ás cidades de Lugo, Ourense, Pontevedra e Ferrol xuntas. Criticou que o conselleiro teña respondido con “faltas de respecto” aos profesionais sinalando que “hai médicos que non queren ver pacientes”, unha resposta “inaceptable en quen ostenta unha responsabilidade pública como a súa”.
Recuar
Espinosa sinalou que “se rectificaron ou recuaron” para aceptar agora remitirlle ao Ministerio de Sanidade os datos sobre os cribados de cancro, “fagan da mesma forma coa Atención Primaria” e cambien a proposta de reforma que está a poñer en pé de guerra á sanidade pública. No debate dunha pregunta oral no Pleno do Parlamento de hoxe, esixiulle ao conselleiro que escoite aos médicos e modifique o Plan de Atención Primaria recuperando o diálogo e ao acordo.
Criticou que a proposta da Consellería “non ten pés nin cabeza” e está a “poñer de acordo en contra ás organizacións médicas e sindicais e ás sociedades científicas da Atención Primaria”, que reclaman datos desagregados para cada Centro de Saúde ou PAC que permitan coñecer a situación real. Reclamoulle que atenda ás súas peticións de medidas concretas a curto, medio e longo prazo, cunha análise do persoal dispoñible en cada categoría.
Espinosa advertiu que “non se pode facer un Plan de recursos humanos sen unha análise de datos semellante”, e criticou que a proposta do goberno galego se dirixa unicamente ao persoal, convertendo as mañás dos sábados en xornadas de PAC, reconvertendo as vacantes de enfermaría e primaria e impoñendo unha formación temporal para homologar a médicos estranxeiros.
A parlamentaria socialista esixiulle ao conselleiro de Sanidade que “dea transparencia” e atenda ás “lexítimas demandas” dos profesionais sanitarios cun Plan que “dea resposta ás necesidades sanitarias” de Galicia.