

Silvia Longueira sinala que “están poñendo en práctica unha táctica que ten máis que ver con posicionarse para un asalto ao poder da man de Vox que coa intención de apoiar a cooficialidade do galego en Europa”
A portavoz de Lingua do Grupo Socialista, Silvia Longueira, acusou hoxe ao PP de “mentir” para “esconderlle a verdade aos galegos e galegas” do seu bloqueo para impedir que o galego sexa declarado oficial no Parlamento Europeo. A responsable socialista presentou unha moción no Pleno do Parlamento para reclamarlle á Xunta que acepte a cooficialidade do galego como lingua europea, pero que foi rexeitada polo PP.
Longueira acusou aos de Rueda de “poñer en práctica unha táctica que ten máis que ver con posicionarse para un asalto ao poder da man de Vox que coa intención de apoiar a cooficialidade do galego en Europa”. Lembrou neste sentido a recente viaxe do secretario xeral do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, na que o vicepresidente do Parlamento Europeo, Javi López, confirmou o bloqueo do PP á lingua en Europa.
Denunciou que logo de facer declaracións na defensa do galego en Galicia, “a realidade é que votan en Europa coa extrema dereita” para impedir que o galego poida acadar o status oficial que teñen linguas con menos usuarios como o gaélico en Irlanda ou o maltés.
A parlamentaria socialista desbotou o argumento do PP, que sinalou a un suposto elevado custe da medida, que suporía entre 25 e 40 millóns de euros anuais, cando a UE gasta anualmente 500 millóns de euros nos servizos de tradución e interpretación, que supoñen apenas o 1 por cento do seu orzamento total. Incorporar o galego como lingua oficial suporía un “incremento simbólico” para os presupostos da UE e si que tería un impacto significativo na economía galega.
Facendo unha estimación “prudente”, sinalou que o status oficial do galego podería reportar entre 185 e 260 millóns de euros adicionais ao PIB de Galicia, incluíndo un incremento de entre o 5 e o 10 por cento ao sector cultural galego, entorno a 100 millóns de euros. Ademais, permitiría crear entre 300 e 500 empregos cualificados novos, cun impacto de entre 10 e 20 millóns anuais, revertendo parte da emigración xuvenil cualificada e xera maior orgullo e cohesión social.
A responsable socialista pedía hoxe que a Xunta impulsara un plan de relacións institucionais e diplomáticas cos diferentes grupos políticos do Parlamento Europeo para sumar apoios transversais á cooficialidade do galego como lingua europea. Na moción presentada hoxe reclamaba reforzar a idea de que a diversidade lingüística é “unha riqueza compartida e un principio esencial da Unión Europea”.
Tamén incluía unha campaña para visibilizar o impacto positivo da cooficialidade do galego no Parlamento Europeo, un dossier sobre a impronta da cultura galega e a súa incidencia no conxunto de España e un informe sobre a xeración de emprego e fluxo económico derivado da declaración da lingua galega como cooficial na Eurocámara.