

Carmen R. Dacosta acusa á Xunta de ocultar ata onte os datos que confirman o fracaso da moratoria que queren desactivar
A portavoz de Política Social, Carmen Rodríguez Dacosta, acusou hoxe ao goberno galego de “desactivar pola porta de atrás” a moratoria do eucalipto xusto cando se coñecen os datos que evidencian unha maior expansión da especie. A responsable socialista levou á Comisión de Agricultura a súa denuncia contra a “moratoria flexible” imposta por Rueda a través da Lei de Acompañamento para desactivar o compromiso de protección do monte.
A responsable socialista advertiu que a Lei de Acompañamento aos Orzamentos converten a prórroga ata 2030 nunha “vía libre para seguir plantando eucalipto” e acusou ao goberno galego de agochar ata onte os datos do incremento da superficie ocupada polo eucalipto. Criticou que empreguen a Lei de Acompañamento para cambiar de novo a política forestal galego “pola porta de atrás”, sen informes técnicos nin consenso social.
Segundo os datos actualizados onte mesmo polo Inventario Forestal Continuo de Galicia, o maior incremento desta especie fai que malia á prohibición imposta dende 2021 os eucaliptais continúen a medrar ata o punto de que estean a piques de superar aos piñeirais na superficie total de Galicia. Resumiu que a “moratoria flexible” que o PP quere impoñer a través da Lei de Acompañamento chega “con 438.000 hectáreas de eucalipto e un monte cada vez menos diverso”.
A parlamentaria socialista sinalou que “a moratoria que debía deter a expansión do eucalipto abre a porta á súa consolidación e mesmo á súa extensión encuberta”, polo que esixe a supresión das excepcións que permiten novas plantacións baixo pretextos fitosanitarios. Explicou que “non hai moratoria se permiten replantar ata o 50 por cento da superficie con eucalipto”, e defendeu unha política forestal “baseada na ciencia, a planificación e o equilibro territorial”.
Reclama unha moratoria “real” de cinco anos “sen trampas, con avaliación técnica e control público” ademais dun Plan de recuperación dos piñeirais e reforzo da investigación pública dende o CIF de Lourizán e medidas urxentes nas zonas de interface urbano – forestal para reducir o risco de incendios.