

O secretario xeral do PSdeG mantivo unha reunión co comisario de Defensa e Espazo, ao que lle lembrou que a comunidade conta cun importante potencial no eixo atlántico, con centros industriais e tecnolóxicos de referencia como Navantia en Ferrol, que representan unha industria dual, civil e militar, con gran capacidade de investigación e innovación
Destacou que Galicia está chamada a contribuír á autonomía industrial e enerxética de Europa, e considerou que esta é unha “oportunidade que o país non pode perder” para fortalecer a súa base produtiva e crear emprego de calidade
Besteiro instou á Xunta de Galicia a ser “máis dirixente e activa” na captación e execución dos fondos europeos vinculados a esta nova política de defensa e seguridade
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, mantivo este martes en Bruxelas unha reunión co comisario europeo de Defensa e de Espazo, Andrius Kubilius, na que defendeu a necesidade de que Galicia teña unha presenza destacada no novo mapa de seguridade e defensa da Unión Europea.
Besteiro insistiu en que a seguridade “debe entenderse en sentido amplo”, xa que abrangue non só o ámbito militar, senón tamén a seguridade marítima, enerxética e industrial, sectores nos que, segundo subliñou, Galicia pode xogar “un papel absolutamente protagonista”.
O líder socialista galego lembrou que a comunidade conta cun importante potencial no eixo atlántico, con centros industriais e tecnolóxicos de referencia como Navantia en Ferrol, que representan unha industria “dual, civil e militar, con gran capacidade de investigación e innovación”. Nese sentido, reclamou que o novo marco financeiro europeo en materia de defensa inclúa criterios de equilibrio territorial que garantan que zonas como Galicia poidan acceder a fondos e proxectos estratéxicos. Tamén demandou que se teñan en conta as particularidades da comunidade autónoma no Marco Financeiro Plurianual 2028-2034.
“As ameazas tamén veñen polo mar, e Galicia, polo seu posicionamento xeográfico e as súas capacidades, debe ter un papel central. A seguridade europea non pode limitarse ao leste, senón que debe contemplar todo o territorio, incluído o arco atlántico”, afirmou Besteiro tras a reunión.
O dirixente socialista destacou que Galicia está chamada a contribuír á autonomía industrial e enerxética de Europa, e considerou que esta é unha “oportunidade que o país non pode perder” para fortalecer a súa base produtiva e crear emprego de calidade. Tamén instou á Xunta de Galicia a ser “máis dirixente e activa” na captación e execución dos fondos europeos vinculados a esta nova política de defensa e seguridade.
Besteiro enmarcou esta posición na liña de traballo que o Goberno de España está a impulsar en Europa, apostando por un modelo máis ambicioso e cohesionado de seguridade común que combine a protección territorial coa autonomía tecnolóxica e industrial.
Previamente, Besteiro reuniuse coa Delegación Socialista Española no Parlamento Europeo, e esta tarde ten programados encontros coa presidenta do Grupo Europeo de Socialistas e Demócratas, Iratxe García, e co gabinete do vicepresidente executivo para a Estratexia Industrial.