

O líder dos socialistas galegos esíxelle ao PP que modifique os Orzamentos para 2026 garantindo a creación de chan industrial que garanta o crecemento de “industrias transformadoras, competitivas e con capacidade de xerar emprego” de calidade
Apoia a reivindicación dos empresarios de Vilagarcía de Arousa para ampliar o Polígono Industrial, paralizada pola falta de xestión do PP no goberno galego
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu hoxe en Arousa “unha política industrial que combine innovación, sustentabilidade e territorio”, que “é o que dá emprego e futuro na nosa terra”. Na visita á empresa Embalaxe, no Polígono Empresarial do Pousadoiro -Vilagarcía de Arousa-, contrapuxo a proposta socialista co “modelo Rueda”, que quere instalar a macrocelulosa de Altri no corazón da Galicia verde.
Advertiu que a aposta do PP e do goberno galego dunha gran planta en Palas de Rei “non aporta valor engadido e xera máis dúbidas que certezas”, e a contrapuxo co modelo da empresa de Arousa, que transforma o recurso forestal galego en produto con valor engadido. Explicou que esta factoría ten demostrado que “cando a industria pode modernizarse, automatizarse e crecer, o que xera son empregos estables no territorio”.
O responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que modifique os Orzamentos para o próximo ano desbloqueando a creación de chan industrial para permitir a implantación de “industrias transformadoras, competitivas, con capacidade de xerar emprego e desenvolvemento do territorio”.
O líder dos socialistas galegos visitou a planta da empresa que vende embalaxe industrial a medida e certificado para exportación e que tamén recupera e reutiliza palés e madeira usada, nun exemplo de “economía circular real, aplicada de verdade aquí”. Así o dixo durante unha visita á empresa xunto co alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e varios membros do goberno local.
Ampliación do polígono
O responsable socialista trasladou o respaldo dos socialistas galegos á demanda dos empresarios e empresarias do Polígono do Pousadoiro, que están a reclamar a ampliación urxente de solo para atender á necesidade de chan industrial. Sinalou que a falla de execución da ampliación por parte da Xunta está a impedir a ampliación das empresas que xa están presentes en Arousa e que poidan incorporar proxectos industriais novos.
Advertiu que o Polígono conta con chan dispoñible para desenvolver unha nova fase que permitiría por exemplo ampliar a empresa que visitaron hoxe noutros 5.000 metros cadrados para ampliar as súas instalacións.
Neste sentido, o alcalde de Vilagarcía, o socialista Alberto Varela, salientou que, logo de 15 anos agardando, os Orzamentos da Xunta só dediquen 80.000 euros á ampliación do Polígono, o que “practicamente non chega nin para a redacción do proxecto”. Advertiu que o bloqueo do PP está a impedir non xa a chegada de novas empresas, senón incluso a ampliación e o crecemento das que xa están presentes, obrigando a perder oportunidades de negocio.