

Carlos López Font reclama que “asuman a súa responsabilidade” pola rescisión de cinco concesións que afectan a 18 concellos provocada polo “mal deseño” do Plan de Transporte
O portavoz de Transporte do Grupo Socialista, Carlos López Font, esixiulle hoxe á Xunta que “rectifique” e conte coas queixas dos usuarios e usuarias e as aportacións dos concellos afectados pola rescisión do contrato coas cinco concesións de transporte público no Baixo Miño. O responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno para esixirlle á Xunta que “asuma a súa responsabilidade” polo “mal deseño” do Plan de Transporte, que “seguirá sendo un castigo” para os 50.000 habitantes do sur de Vigo.
López Font lembrou que o Grupo Socialista leva “anos” denunciando o “deficiente funcionamento do servizo” no Baixo Miño que a Xunta non tivo máis remedio que admitir rescindindo o contrato de cinco concesións que afectan a 18 concellos. Agora, dixo, cumpre “reestruturar, pedir opinión aos responsables dos concellos e atender as queixas que eran a proba evidente do que sufrían os viaxeiros”.
Advertiu que o sistema de transporte deseñado polo PP dende o goberno galego “seguirá sendo un castigo” pola rescisión do contrato que afecta ao Baixo Miño e o Val Miñor, que terán que agardar 12 meses ata a nova concesión, nos que “manterán o mal servizo que se vén prestando dende hai cinco anos”. Criticou que sigan co “discurso triunfalista de sempre” mentres as comunicacións destes concellos cos hospitais de Vigo e coa Universidade “seguirán sendo deficientes”.
Dixo que “terán que responder diante da Fiscalía por unha denuncia de incumprimento de practicamente tódalas concesións”, e engadiu que o Plan de Transporte da Xunta “fracasou”. Adiantou que esta rescisión “tamén se darán en máis concesións de Galicia nun futuro inmediato”, e reclamou por iso que inicien “un novo modelo” que garanta un transporte público adaptado ao século XX!”.