

Lamentou que os galegos e galegas teñan que sufrir as consecuencias do seguidismo que fai Rueda de Génova e enumerou casos concretos: dende a negativa a aceptar a condonación dun terzo da débeda autonómica ao “non” aos fondos do Plan Nacional de Vivenda que poderían incrementar o parque público galego, ou o bloqueo a dar os datos do cribado de cancro de mama “para tapar o que pasou en Andalucía e en Valencia”
Besteiro lembroulle a Rueda que está a xogar cos cartos de todos os galegos e galegas: “Non lle son cartos do Partido Popular, sonlle cartos de todos nós”, dixo
Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2025. Na súa pregunta ao presidente na sesión de control, o portavoz socialista José Ramón Gómez Besteiro elevou o ton político e acusou a Alfonso Rueda de defender antes as consignas do PP que os intereses de Galicia.
“Eu apelo a que non quera tanto a Galicia, pero que a queira mellor”, dixo, situando a Rueda como peón da estratexia de Núñez Feijóo: “vostede é un triste figurante onde Galicia sempre perde, señor Rueda”.
Besteiro foi enumerando casos concretos onde esa subordinación ten consecuencias medibles. A negativa a aceptar a condonación dun terzo da débeda autonómica -“vostede lle rouba aos galegos e ás galegas 4.010 millóns de euros. Que non lle son cartos do PP, sonlle cartos de todos nós”-. O “non” aos fondos do Plan Nacional de Vivenda que poderían incrementar o parque público galego. Ou o bloqueo a dar os datos do cribado de cancro de mama “para tapar o que pasou en Andalucía e en Valencia con Mazón”, xerando “medo, inseguridade e falta de confianza na sanidade pública”.
Tamén acusou a Xunta de torpedear a acollida solidaria de menores migrantes: “vostede torpedea e dificulta a chegada dos menores migrantes ao noso país, negando un principio histórico dun país emigrante, a solidariedade”.
Besteiro puxo como exemplo paradigmático a AP-9. Lembrou que a defensa desa autoestrada por parte do PSdeG xa logrou baixadas de peaxe de ata o 75% e que o obxectivo está claro: avanzar cara á súa gratuidade total. E imos conseguir esa gratuidade lle pese a quen lle pese”.
E aí foi onde puxo o espello diante de Rueda: se o PP di defender á xente, por que non aplica esa mesma política nas autoestradas que si dependen directamente da Xunta? Por que non se bonifican ou se liberan aquí?
Besteiro resumiu así esa diferenza entre o que Rueda di e o que Rueda fai: “Iso é incoherencia, señor Rueda”.
A guerra de Feijóo co Goberno central non é a batalla de Galicia
Na réplica, Besteiro lamentou que “unha vez máis, non me contestou”. “Non me contestou porque non acepta a condonación da débeda, porque vai a perpetrar ese roubo a todos os galegos e galegas de 4.010 millóns. Non me contestou cal é a súa posición na recepción de menores migrantes”.
O portavoz concluíu emprazando a Rueda a asumir o papel de presidente real da Xunta e non delegado do PP estatal: “Non é a súa batalla. Non é a batalla de Galicia. E, polo tanto, pídoche que asuma a súa responsabilidade e as súas obrigas: reivindicando, claro que si, pero sobre todo, cumprindo con Galicia”.