

Carlos López Font censura a supresión da área de Igualdade e de Memoria Histórica, a xestión “negacionista do cambio climático”, a falla de apoio aos concellos rurais e a marxinación de Vigo e Pontevedra
O parlamentario socialista Carlos López Font criticou hoxe o regreso a “prácticas clientelas e partidistas” na Deputación de Pontevedra, que “se limita a repartir diñeiro” malia que “non existen novos proxectos políticos de envergadura” xestionados polo PP. Así o dixo na comparecencia do presidente da Deputación de Pontevedra na Comisión de Orzamentos do Parlamento.
O responsable socialista lamentou que se limiten a “presumir de incrementos do orzamento” que proceden do aumento das transferencias do Estado mentres “descartan proxectos políticos transformadores” postos en marcha baixo a presidencia do PSdeG na Deputación como a Axenda 2030, que “se converteron en referencia a nivel estatal..
Censurou o “abandono de políticas centrais”, que “ten o seu reflexo no freo ás políticas de Igualdade” e que supuxo que fixeran “desaparecer” a área de Igualdade para diluíla dentro de Política social, un “retroceso na loita da concienciación contra a violencia machista”. Reduciron os recursos na materia, eliminando a Escola de Igualdade e programas como o de Mulleres en acción contra a violencia cero, sen que foran substituídos por “ningunha política destacable”
Lamentou que romperan así mesmo coas políticas ambientais, suprimindo os programas de compostaxe de residuos para volver ao modelo Sogama de incineración “simplemente porque non cren no cambio climático, que é unha realidade”. Afeoulle que carezan de políticas en materia de memoria histórica, eliminando tódalas actividades de recoñecemento das vítimas da barbarie fascista e que representan “o mellor da nosa sociedade”.
López Font criticou a falla de apoio aos concellos, retirándolles o respaldo á demanda unánime de recursos para atender o Servizo de Axuda no Fogar que “os está a afogar economicamente”, ao tempo que carecen de políticas a favor dos concellos do rural.
Vigo e Pontevedra
O responsable socialista criticou a discriminación dos concellos de Vigo e Pontevedra e reclamou a actualización dos convenios con incrementos proporcionais nas dúas principais cidades en igual medida que o resto da provincia. Alertou da volta a prácticas “clientelares” coa compra do Teatro Fraga, coa que lle “regalaron diñeiro da provincia para engordar os beneficios dunha entidade bancaria que debera doar ás viguesas e vigueses por “débeda coa cidade”.
Reclamoulle que colabore coa ampliación do Estadio de Balaídos para ser sede do mundial 2030 e que recupere a actividade da sede Deputación na cidade, que pasou de acoller iniciativas de asociacións culturais e deportivas a ser “unha sede baleira e sen actividade”.