O líder socialista critica que máis da metade dos concellos da provincia quedan fóra dos Orzamentos da Xunta e que o investimento real non supera os 190 millóns de euros
O secretario provincial do PSdeG, David Regades, criticou a falta de aposta pola industria e pola sanidade pública, lembrando que “hai centros de saúde abandonados mentres se segue pagando a factura do hospital privado Álvaro Cunqueiro”
O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, presentou hoxe en Vigo a súa valoración dos Orzamentos da Xunta de Galicia para 2026. Estivo acompañado polo secretario provincial David Regades, a secretaria de organización adxunta de Pontevedra, Mila Lores, o responsable de Economía da Executiva do PSdeG, Abel Losada, e os deputados Carlos López Font e Paloma Castro.
Besteiro iniciou a súa intervención destacando que os Orzamentos propostos por Rueda “destinan máis cartos a pagar débeda aos bancos que á Atención Primaria, á vivenda ou á dependencia. Esa é a súa verdadeira prioridade”.
O líder socialista puxo o foco na vivenda, o que cualificou como “o espello do fracaso da Xunta”. Lembrou que Galicia recibiu 573 millóns de euros do Goberno de España e de Europa para construír vivenda pública desde 2021, “pero, tres anos despois, apenas se moveu unha pedra”.
Na provincia de Pontevedra, dixo, máis de 10.700 persoas agardan por un fogar, a metade de toda Galicia: “E a resposta da Xunta son uns ‘micropisos’ de 26 metros cadrados, auténticos pisos zulo onde se come, se dorme e se cociña no mesmo espazo. Iso non é política de vivenda, é resignación institucional.”
E engadiu que a vivenda non é só un teito. “É seguridade, é futuro, é poder facer plans. E cando un goberno renuncia a iso, está renunciando a Galicia.”
Pontevedra, a provincia esquecida
Besteiro advertiu que a provincia de Pontevedra volve quedar fóra dos Orzamentos, con máis da metade dos 61 concellos sen unha soa partida específica. “O PP fala de 690 millóns para Vigo —comentou—, pero o investimento real para toda a provincia non chega nin a 190 millóns. É dicir, moito anuncio e pouca obra.”
Ademais, advertiu que o Fondo de Cooperación Local continúa conxelado por décimo quinto ano consecutivo, deixando só 30 millóns para todos os concellos pontevedreses.
“Unha cifra ridícula -engadiu- que non chega nin para cubrir as competencias impropias que a Xunta lles traslada aos concellos”.
Regades: “A Xunta manexa un mapa da provincia cheo de buratos”
O secretario provincial, David Regades, afondou nos detalles e advertiu que “os Orzamentos deixan fóra de cobertura a máis da metade dos concellos desta provincia. Simplemente, porque non aparecen”. Segundo explicou, “a Xunta manexa un mapa de Pontevedra cheo de buratos. Non hai planificación nin vontade, só propaganda e anuncios repetidos”.
Tamén criticou a falta de aposta pola industria e pola sanidade pública, lembrando que “hai centros de saúde abandonados mentres se segue pagando a factura do hospital privado Álvaro Cunqueiro”.
En canto á vivenda, Regades foi claro: “A Xunta leva 15 anos sen construír vivenda pública en Pontevedra e agora saca peito de proxectos financiados con fondos europeos do Goberno de España”. Tamén denunciou o abandono das persoas maiores e dependentes, a infrafinanciación das escolas infantís e a ausencia de recursos reais para mulleres vítimas de violencia de xénero”.
“A verdade é que estes Orzamentos non resolven nin un só dos retos estratéxicos da provincia. Non hai proxecto, nin rumbo, nin empatía. Só un PP instalado na autocompracencia”, concluíu Regades.