O secretario xeral do PSdeG criticou especialmente a falla de compromiso do Goberno autonómico co gasto social, “o que máis lle afecta á xente”
O líder socialista reprochoulle ao PP a súa “lamentable falta de respecto ás institucións” ao volver adiantar o contido das Contas antes de presentalas no Parlamento
Reclamou en Mondoñedo que o Concello se poña a traballar en serio para que As San Lucas, “a feira máis antiga de España”, sexa declarada festa de interese turístico nacional
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, criticou hoxe desde Mondoñedo “a xa tradicional e lamentable falta de respecto ás institucións” que ven mostrando ano tras ano o Goberno do PP en relación cos Presupostos da Xunta de Galicia. “Esta fin de semana comezamos a descubrir polos medios de comunicación as intencións de Rueda” cuns Orzamentos que aínda non foron presentados no Parlamento e cuxo contido, por tanto, descoñecen aínda os grupos políticos da oposición.
“De todas formas, xa podemos intuír por onde van os tiros”, dixo sobre unhas contas que todo apunta a que van conter unha partida similar á do anterior exercicio para amortizar débeda, arredor de 1.700 millóns de euros. “Pero Rueda négase a que o Estado lle perdoe a Galicia 4.010 millóns. Simplemente, magnífico”, apostilou.
Sinalou especialmente que os Presupostos “medran por debaixo do IPC e do crecemento da economía”, algo que se traduce en que, “en termos reais baixan, non medran como quere facer ver” un Rueda que segue “instalado no mantra de que o único importante é ter Orzamentos”. “De que valen se os investimentos caen en vez de aumentar e se, por enriba, despois nunca os executa, especialmente no que se refire a gasto social, ao que máis lle afecta á xente?”, preguntouse o líder socialista.
Mal vamos, resumiu sobre o que o propio Goberno galego foi avanzando das contas da comunidade autónoma para o 2026.
Besteiro fixo esas declaracións durante a feira das San Lucas, á que acudiu na compaña do secretario provincial do PSdeG e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e outros cargos socialistas galegos, especialmente da comarca. Alí reclamoulle ao Concello que se poña a traballar en serio para lograr a declaración de festa de interese turístico nacional “que debería ter xa” a que, recordou, é “a feira máis antiga de España e de Europa”.
“Son moito máis que unhas festas, son parte viva da historia de Galicia e símbolo da nosa identidade rural”; afirmou sobre un evento próximo a cumprir 870 anos de antigüidade. “É o momento de darlles o recoñecemento que merecen.
Uniuse a esa reivindicación Tomé, que destacou que As San Lucas “son símbolo do orgullo e da forza do noso rural, unha festa que representa o mellor da provincia de Lugo: o esforzo da súa xente, o valor do sector primario e a vitalidade das nosas vilas”.
Neste sentido, engadiu que “estas celebracións lembran a importancia que o sector primario ten para a nosa provincia, non só como motor económico, senón tamén como parte esencial da nosa cultura e do noso modo de vida”.