Paloma Castro lamenta que “mentres milleiros de galegas e galegos agardan por unha praza pública nunha residencia, a Xunta deixa perder un inmoble con valor patrimonial e unha función social imprescindible”
A parlamentaria socialista Paloma Castro esixiulle hoxe á conselleira de Política Social que recupere a residencia de maiores do Pazo de Montesacro, en Cambados, logo de que o inmoble fora adquirido por un fondo de investimento por 2,5 millóns de euros. Castro presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que denunciou a “falla de vontade e capacidade” da Xunta para protexer o patrimonio cultural galego e a ausencia de políticas sociais efectivas.
Castro reclamoulle á conselleira que exerza o dereito legal de retracto para recuperar o inmoble para o público ou que o expropie alegando intereses patrimoniais e de asistencia social. Advertiu que “mentres milleiros de galegos e galegas agardan por unha praza pública nunha residencia, a Xunta deixa perder un edificio cun valor patrimonial e sobre todo cunha función social imprescindible”.
A antiga residencia foi vendida obrigando a trasladar e reubicar ás 70 persoas maiores que o utilizaban noutros centros xestionados pola congregación que o xestionaba ao longo de toda Galicia, afastándoos da súa contorna e das súas familias. E todo isto diante do “total desleixo” amosado pola conselleira, que se negou a responder ao alcalde de Cambados, que intentou por tódolos medios manter unha xuntanza sobre un asunto da súa estrita competencia.
A socialista esixiulle á conselleira que manteña unha xuntanza co alcalde, o socialista Samuel Lago -que hoxe asistiu ao Pleno do Parlamento-, para “buscar e acadar unha solución consensuada, que se non pasa pola compra do Pazo, poida a lo menos supor o inicio dun acordo para a cesión de terreos co obxectivo de construír unha residencia pública neste territorio.
Paloma Castro reclamoulle ao goberno galego que garanta prazas públicas para maiores na comarca do Salnés, onde residen 10.000 persoas -o 25 por cento delas son maiores de 65 anos- e “non hai unha sola praza pública nin queda unha sola praza libre entre as 168 subvencionadas nas residencias privadas da contorna”.