Patricia Iglesias sinala que os veciños e veciñas “non admiten máis escusas, nin máis silencios nin máis dilacións” diante dunha necesidade urxente pola situación “vergoñenta e insostible” das instalacións antigas
A parlamentaria socialista Patricia Iglesias esixiulle hoxe á Xunta que acepte dunha vez os terreos cedidos polo Concello de Negreira para construír un novo Centro de Saúde diante da situación “vergoñenta e insostible” das vellas instalacións. A responsable socialista acusou ao PP de “faltarlle ao respecto á veciñanza” ao rexeitar a proposta do Grupo Socialista na que pedía estas novas instalacións que foi debatida hoxe no Parlamento.
Iglesias criticou o silencio da Xunta diante desta petición e o “desprezo” amosado polo PP ao empregar a sanidade para facer “chantaxe institucional” e advertiu: “a saúde é un dereito, e Negreira non vai calar e non se vai render porque merece un novo Centro de Saúde xa”. A responsable socialista acusou ao goberno galego de facer un “uso descarado e sectario dos recursos públicos” xunto co alcalde de Negreira, Ángel Leis, que se desprazou ao Parlamento para seguir o debate.
Denunciou o “abandono intolerable” aos veciños e veciñas de Negreira, aos que o goberno galego trata como “cidadáns de segunda” ao negarlles un Centro de Saúde en condicións. Explicou que o edificio actual ten humidades nas paredes e espazos tan reducidos que “nin unha padiola entra pola porta”, e que “non garante nin a dignidade dos pacientes nin as condicións mínimas de traballo do persoal sanitario”.
Lembrou que a situación chega a que teña que ser o propio Concello quen asuma o mantemento do inmoble, reparando as filtracións e sostendo o servizo con medios propios, mentres a Xunta “leva anos sen responder á cesión dos terreos e da titularidade para que poidan construír un novo Centro de Saúde”. Esixiu “xustiza e igualdade de trato” para un Concello que o goberno galego ten “esquecido” porque “non é unha cuestión técnica, é unha cuestión política e partidita”.
Esixiu “xustiza e dignidade” para os veciños e veciñas da vila porque “a sanidade non é un privilexio: é un dereito”, dixo, antes de remachar que “a Galicia na que cremos non se constrúe con favores, senón con xustiza e igualdade”.