Carlos López Font cualifica de “irresponsabilidade monumental” o rexeitamento do goberno galego aos fondos estatais cun “NON ideolóxico imposto por Feijóo dende Madrid”
Alerta de que en 2024 só executaron o 30 por cento dos fondos para acceso á vivenda, e no que vai de 2025 só levan o 5 por cento por parte dun goberno que en 15 anos só puxo en marcha 20 vivendas públicas
O parlamentario socialista Carlos López Font esixiulle hoxe ao goberno galego que “deixe de usar a vivenda como campo de batalla política” e acepte os 380 millóns de euros do Plan Estatal de Vivenda para Galicia. López Font presentou unha pregunta na Comisión de Obras Públicas na que criticou a “falta de vontade política” do PP no goberno galego para impulsar a vivenda pública
O responsable socialista cualificou de “irresponsabilidade monumental” que o PP rexeite estas partidas por un “NON ideolóxico imposto por Feijóo dende Madrid”. Explicou que as partidas supoñen a maior aposta pola vivenda pública en 40 anos, multiplicando por 2,5 o investimento anterior e que permitirían construír máis de 4.000 vivendas públicas protexidas en Galicia.
Subliñou que “hai recursos, hai proxectos e hai vontade política por parte do Goberno de España, o que falta é valentía por parte da Xunta”, que non cre na vivenda protexida e da “a diferenza entre quen entende a vivenda como un negocio e quen a entende como un dereito”.
Explicou que no ano 2024 deixaron sen executar 42 millóns de euros destinados a facilitar o acceso á vivenda e só mobilizaron o 30 por cento dos fondos previstos, e no que vai de 2025 tan só executaron o 5 por cento do programa de acceso á vivenda. Ademais, explicou que en 15 anos só puxeron en marcha 20 vivendas públicas fronte ás 7.200 vivendas protexidas construídas só entre 2005 e 2009 polo goberno presidido polo socialista Pérez Touriño.
López Font advertiu que “cada euro non executado representa vivendas que non se construíron, alugueiros que non se axudaron e familias que quedaron sen alternativa digna”, ademais de que “compromete a credibilidade institucional da Xunta ante a cidadanía” que “non soporta máis promesas baleiras nin expectativas frustradas”, senón que “esixe acción real e resultados visibles”.
O parlamentario socialista reclamoulle ao goberno galego que acepte as partidas procedentes do Estado para vivenda pública e que “as execute con eficacia e transparencia, garantindo que cada euro se traduza en vivenda pública real”.