Carlos López Font esíxelle ao goberno galego que “deixe de xustificar o incremento de céntimos nas tarifas como escusa e poñan enriba da mesa solucións e achegas”
Denuncia o “silencio” da Xunta cando Ryanair subiu as tarifa durante os incendios: “Eran un auténtico atraco”
O portavoz de Transporte do Grupo Socialista, Carlos López Font, acusou hoxe ao PP de “branquear a extorsión empresarial” de Ryanair coa súa marcha dos aeroportos galegos. Así o dixo na comparecencia da directora xeral de Mobilidade no Parlamento, á que lle reclamou que “deixe de xustificar o incremento de céntimos nas tarifas aeroportuarias”, validando a “escusa” da compañía e “poñan solucións e achegas enriba da mesa”.
O responsable socialista afeoulle ao goberno galego que prefira apuntar a Aena e ao goberno central no canto de pechar filas e buscar unha fronte común co Estado e os concellos afectados para “sacarlle as cores a Ryanair”.
Dixo que “non poden poñerse de perfil e estar na inacción absoluta” para atacar ao goberno central diante dunha decisión empresarial inxustificada, obviando as repercusións económicas e os posibles despidos mentres “agardan ás decisións dos demais”, aludindo á falla de aportacións do goberno galego no Comité de Coordinación Aeroportuaria da semana pasada.
Font afeoulles o “silencio cómplice” coa empresa ao quedar “calados” cando durante os incendios impuxeron unhas tarifas que “eran un auténtico atraco” aproveitando que non era posible empregar outros medios de transporte. Advertiu que a súa falla de resposta “fai pensar que a súa política tivo algo que ver con esta situación”, e mesmo apuntou que os contratos con Turgalicia derivaron en que Ryanair “se sentira forte e propiciara un órdago desta magnitude”.
Esixiulle ao goberno galego que aporten solucións “imaxinativas e contundentes contra as empresas que atentan contra a estabilidade económica de Galicia”. Puntualizou que “é momento non só de pedirlle os datos a Aena, senón de reclamarlle os seus ao goberno galego, e criticou o “escurantismo” na xestión dos fondos de turismo por parte do goberno galego, que “fala de 13 millóns de euros para 130 actuacións, pero agochan o destino” destas contías.
Criticou a “política sectaria” do goberno galego, e advertiu que “é fácil pensar que as propostas de coordinación e apoio serían moi diferentes se o PP gobernara nestes tres concellos”. Sinalou que o goberno galego “ten que garantir unha oferta de transporte acaída para Galicia, coas infraestruturas necesarias para facer o territorio atractivo”, polo que esixiulles que deixen de poñerse “de perfil” e sigan o exemplo de outras comunidades autónomas que “si que apoian aos seus aeroportos”.