Lara Méndez sinala que o bloqueo do Parlamento encaixa nunha tónica de desprezo institucional por parte de Rueda, que xa antepuxera os seus compromisos persoais ao pospoñer a toma de posesión pola voda de Almeida
A secretaria de Organización do PSdeG e deputada autonómica, Lara Méndez, denunciou hoxe “o enésimo desprezo institucional do Partido Popular”, despois de que a formación de Alfonso Rueda decidise adiar unha semana o Pleno do Parlamento de Galicia simplemente porque quere irse de vacacións.
“Non é a primeira vez que o fan, e por desgraza non será a última. Comezamos a lexislatura adiando a toma de posesión porque Rueda tiña unha voda en Madrid, e agora volvemos ao mesmo: cambian a axenda parlamentaria para adaptala á súa vida persoal”, criticou Méndez.
A dirixente socialista lembrou que “xa no mes de xullo se sabía que o Pleno se ía retrasar por cuestións de axenda”, pero advertiu de que “o que non sabiamos é que esas cuestións eran unhas simples vacacións”. Ademais, cualificou de “tomadura de pelo” a escusa do PP de que o cambio se fai para compensar o traballo durante os incendios:
“De verdade sabían en xullo que iamos ter a peor vaga de lumes do ano? Non insulten a intelixencia da xente.”
Méndez subliñou que esta decisión “responde a un patrón claro”: “Rueda non ten ganas de traballar nin de asumir as súas responsabilidades. Prefire escapar dos debates, evitar dar explicacións e impedir que a oposición poida facer o seu traballo de control. Iso si, para a foto e para os discursos baleiros sempre está dispoñible.”
A secretaria de Organización do PSdeG concluíu advertindo de que “Galicia merece un presidente que traballe, que dea a cara e que respecte as institucións”, e non “un líder ausente que fai e desfai o calendario parlamentario ao seu antollo, como se o Parlamento fose a súa axenda persoal”.